Os casos activos na Galiza camiñan cara aos mil tras aumentar en 111 nun só día

(Foto: Javi Colmenero Europa Press)

Hai rexistrados 938 casos na Galiza, dos que 544 son na área sanitaria da Coruña.

Os casos activos de coronavirus na Galiza camiñan cara aos mil, unha cifra que hai apenas uns días parecía imposíbel de volver a rexistrar. O aumento de 111 casos nas últimas 24 horas, dos que 81 corresponden á área sanitaria da Coruña, fai que xa se superen os 900 casos activos.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, esta quinta feira, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 938.

Deles 544 son da área da Coruña (81 máis ca onte), que xa representa case 6 de cada 10 casos que hai no país.

Do total, 93 da a área de Lugo (+9), 60 da de Ourense (+6), 51 da de Pontevedra (+6), 118 da área de Vigo (+2), 43 da de Santiago (baixan 2), e 29 da de Ferrol (+9).

Así pois, os casos activos aumentan en todas as áreas sanitarias galegas agás na de Santiago-Barbanza, onde descende en 2.

Do total de pacientes positivos, 1 están en UCI, 40 en unidades de hospitalización e 897 no domicilio.

Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.506 persoas curadas, rexistrándose 623 falecementos. A última persoa falecida foi un varón de 90 anos que estaba ingresado no CHUO e presentaba patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 272.115.

No que atinxe ás residencias de anciás, hai 5 casos activos, dos que 3 corresponden a persoas usuarias e 2 a traballadores.