Os casos activos da Covid soben e achéganse aos 3.000

Cribado para detectar casos de Covid-19 na área sanitaria de Santiago e Barbanza (Foto: Sergas)

Os novos contaxios da Covid-19 disparáronse até os 253, o que supón 30 máis que a xornada anterior, mentres que os casos activos manteñen a súa tendencia ascendente por terceira xornada consecutiva e alcanzan os 2.939. As persoas ingresadas descenden a 199, cinco menos.

Segundo os datos actualizados na mañá desta sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da quinta feira, hai 43 pacientes Covid en UCI na Galiza, dous máis, e 156 noutras unidades, sete menos.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente nas da Coruña e Cee e Ourense, mentres que se alivia nas de Pontevedra e O Salnés, Lugo e Vigo, e mantense nas de Ferrol e Santiago e O Barbanza.

Por tanto, na da Coruña e Cee soben a 10 os pacientes Covid en UCI -un máis- e mantéñense en 54 os hospitalizados noutras unidades; mentres que na de Ourense ascenden a 10 o críticos -un máis- e a 17 os doutras unidades -un máis-.

Mentres, na de Vigo seguen oito pacientes en UCI e descenden a 29 os doutras unidades -catro menos-; así como na de Pontevedra e O Salnés, onde continúan cinco en críticos e caen a 20 os doutras unidades -tres menos-.

En canto á de Lugo, mantéñense catro pacientes Covid en UCI e descenden a oito os doutras unidades -un menos-, mentres que na de Santiago e O Barbanza seguen catro en críticos e 19 noutras unidades. Así mesmo, na de Ferrol continúan dous en UCI e nove noutras unidades.

Máis casos activos

Os casos activos no conxunto da Galiza aumentaron por terceira xornada consecutiva tras o lixeiro descenso da pasada terza despois de once días en ascenso continuo e alcanzan os 2.939, o que supón 64 máis. Iso débese ao rexistrarse máis contaxios (253) que altas (188).

Por áreas sanitarias, soben en cinco: Vigo (+34), A Coruña e Cee (+29), Ferrol (+6), Pontevedra e O Salnés (+5) e Ourense (+2), mentres que descenden nas de Santiago e O Barbanza (-11) e Lugo (-1).

A área de Vigo continúa á cabeza en infeccións activas, con 823; seguida da Coruña e Cee, con 728; Pontevedra e O Salnés, con 466; Santiago e O Barbanza, con 339; Ourense, con 263; Lugo, con 210; e Ferrol segue á cola, con 110.

Contaxios en aumento

No relativo aos novos contaxios disparáronse aos 253, tras superar a barreira dos 200 na xornada anterior con 220, despois de empezar esta semana con 154, baixar a 131 a terza e subir a 188 a cuarta.

Galiza confirmou 226 positivos por PCR nas últimas 24 horas, dos que 82 corresponden á área de Vigo; 65, á da Coruña e Cee; 32, á de Pontevedra e O Salnés; 16, á de Ourense; 12, á de Santiago e Barbanza; outros 12, á de Lugo; e sete, á de Ferrol. Fixéronse 8.352 probas, unhas mil máis que as da xornada anterior.

A taxa de positividade descendeu lixeiramente a un 2,8%, tras repuntar a un 3,2% a quinta feira, despois de situarse nun 2,3% na cuarta e de iniciar a semana cun 1,2%. Segue, así, por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Galiza acumula 2.379 falecementos de persoas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia, tras notificar Sanidade na quinta feira a morte doutra.