Os casos activos da Covid-19 mantéñense en descenso

Pacientes que recibiron a primeira dose da vacina no recinto de Expourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Segundo os datos recollidos pola Consellaría de Sanidade até as 18 horas da sexta feira 3.023 persoas continúan enfermas de Covid-19 e 192 permancen hospitalizadas.

Os casos activos de Covid-19 na Galiza mantéñense na xornada de hoxe en tendencia descendente, segundo os datos facilitados pola Consellaría de Sanidade da Xunta, e caen en 41 persoas enfermas até situarse a cifra total en 3.023, mentres as persoas hospitalizadas que seguen infectadas baixan en cinco até as 192.

Así se desprende do balance actualizado este sábado con datos recollidos até as 18 horas da sexta feira. O informe da consellaría detalla que as pacientes con coronavirus en unidades de coidados intensivos (UCI) diminúen en dúas até as 43 e que o resto de persoas hospitalizadas con Covid-19 se reducen en tres até 149.

Por áreas sanitarias, os hospitalizados redúcense en todas, agás na de Pontevedra-O Salnés, onde se incrementan en dous chegando a oito pacientes en UCI e 24 hospitalizados; e na de Lugo-A Mariña-Monforte, na que soben en un, dando un total de seis persoas ingresadas e unha en UCI. Ademais, a área d’A Coruña-Cee mantense como a que rexistra maior número de ingresados, 58, dos que 11 están en UCI.

Na área de Vigo o número de persoas en UCI sobe até 13, unha persoa máis que na véspera, pero caen a 36 as ingresadas noutras unidades hospitalarias, dúas menos.

En Ferrol seguen dúas persoas en críticos, pero redúcense a sete os que permanecen noutras unidades, un menos.

Na área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco ascenden a 13 os pacientes en unidades convencionais de hospitalización, un máis, e cinco continúan en UCI, dous menos.

Na área de Compostela-Barbanza baixan a tres as persoas que se atopan en críticos, unha menos  e caen a 16 as ingresadas noutras unidades, unha menos.

Casos activos e contaxios

Mentres se manteñen en descenso por segundo día os casos activos e decrecen en 41 até 3.023. Por áreas sanitarias, as infeccións soben en dúas das sete e Ourense suma 34; Ferrol 4. Nas demais baixan do seguinte modo: Vigo con 21 casos activos menos; Pontevedra-O Salnés con 11 menos; A Coruña-Cee con dous menos; e Compostela-Barbanza con un caso activo menos.

A área de Vigo mantense como a que rexistra máis casos activos, 856; seguida da d’A Coruña-Cee, con 703; a de Pontevedra-O Salnés, con 481; a de Compostela-Barbanza, con 407; e a de Ourense, con 257; e Ferrol segue na cola, con 91.

Así mesmo, os novos contaxios detectados tamén descenden tras caer en catro até os 191 este sábado. A semana comezou con 103 casos confirmados, aumentou até os 125 na terza feira e  volveu subir a 189 na cuarta feira; na quinta feira a cifra era de 225  e de 195 na xornada de onte.

Do total de positivos, confirmáronse por PCR nas últimas 24 horas 168, dos que 55 corresponden á área de Vigo; 51, á d’A Coruña; 22 á de Pontevedra; 13 á de Lugo; 11 á de Santiago; 10 á de Ourense; e seis aá de Ferrol.

A taxa de positividade sitúase por segundo día consecutivo por debaixo de 2% logo de subir  por enriba de 3% esta quinta feira, de modo que se mantén por debaixo de 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Vacinación

As persoas con pauta completa de vacinación contra a Covid-19 superan as 440.000 logo de administrarse 95,28% das 1.477.645 doses recibidas.

Segundo os datos da consellaría , un total de 442.270 persoas completaron a pauta, o que supone 18,7% da poboación a recibir as doses e 2.887 máis que no día anterior. En total, administráronse 1.379.282 doses. Con respecto aos grupos de poboación vacinados, por condición de vulnerabilidade recibiron, cando menos unha dose, 12.228 persoas con condición de alto risco e 480 teñen a pauta completa.

Pola súa parte, entre as persoas dependentes non institucionalizadas recibiron ao menos unha dose 16.463 e completaron a pauta un total de 12.838. En canto ás institucionalizadas, que se empezaron a vacinar o 27 de decembro, 23.502 recibiron a primeira dose e 22.839 contan coa pauta completa.