Os casos activos de Covid seguen en descenso até os 1.563 e baixan a 57 os novos contaxios

Un garda de seguridade vixía o acceso a un punto de tests de antíxenos (Foto: Carlos castro / Europa Press).

Os casos activos de Covid-19 na Galiza manteñen a tendencia descendente e caen a 1.563, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus redúcense a 57 -cinco menos que a xornada anterior-; e os novos contaxios seguen sobre o medio centenar. Pola súa banda, a taxa de positividade ascende a un 2,8% no conxunto da Galiza.

Segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade esta sexta feira, con rexistros até as 18 horas da quinta, baixan a 17 as persoas hospitalizadas en UCI pola Covid -dúas menos- e a 40 as que permanecen noutras unidades -tres menos-. Mentres, seguen 1.506 pacientes en seguimento nos seus domicilios.

A presión hospitalaria alíviase en cinco das sete áreas sanitarias (Vigo, Ourense, Lugo, Ferrol e Pontevedra e O Salnes) e aumenta lixeiramente nas da Coruña e Cee e Santiago e Barbanza.

En concreto, na área de Ourense descenden a catro os pacientes Covid en UCI -un menos- e a cinco os ingresados noutras unidades -un menos-; e na de Vigo caen a dous os críticos -un menos- e continúan dous noutras unidades.

Na de Lugo seguen dous ingresados en UCI e descenden a 10 os hospitalizados noutras unidades -tres menos-; e na de Pontevedra e O Salnés queda un en críticos -un menos- e mantéñense cinco noutras unidades.

Polo seu lado, a área de Ferrol mantense sen pacientes Covid en Unidade de Coidados Intensivos e conta cun noutra unidade de hospitalización -un menos-.

Na da Coruña e Cee aumentan a cinco os ingresados en UCI -un máis- e a 10 os hospitalizados noutras unidades -un máis-; mentres que na de Santiago e Barbanza continúan tres en críticos e soben a sete os doutras unidades -un máis-.

Casos activos en descenso

A Galiza mantén a tendencia descendente de casos activos de Covid-19, que se sitúan en 1.563, o que supón 114 menos que os rexistrados a xornada anterior, ao haber de novo máis altas (168), que contaxios (55), aos que se suma unha nova vítima mortal.

Así, a Galiza continúa por baixo dos 2.000 casos activos de Covid-19 nos primeiros días do outono, como en niveis do pasado mes de xuño -o día 27 dese mes había 1.554 infeccións-.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas caen en seis das sete, coa da Coruña e Cee á cabeza (-43), seguida da de Lugo (-26), Santiago e Barbanza (-21), Vigo (-19), Pontevedra e O Salnés (-5) e Ferrol (-1); mentres que soben lixeiramente na de Ourense (+1).

Con máis casos activos de Covid-19 mantense a da Coruña e Cee, con 383; seguida da de Vigo, con 299; a de Lugo, con 296; Santiago e Barbanza, con 220; Ourense, con 211; Pontevedra e O Salnés, con 108; e á cola mantense Ferrol, a única por baixo do centenar, con 46.

Menos de cen contaxios

Ao termo da semana os contaxios de Covid-19 mantéñense por baixo do centenar cun lixeiro incremento a 55, dous máis que os 53 rexistrados onte.

Do total, 16 corresponden á área de Ourense; 10, á da Coruña e Cee; oito, á de Vigo; sete á de Lugo; outro sete, á de Santiago e Barbanza; sete á de Pontevedra e O Salnés; e dous, á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- aumentou a un 2,8% tras descender a un 1,78% na quinta feira. Mantense así por baixo do 5% que a OMS determina como limiar para considerar controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia ascenden a 2.626 na Galiza despois de notificar a Consellaría de Sanidade unha nova vítima mortal.

En concreto, Sanidade notificou na quinta feira o falecemento dunha muller de 69 anos, que se produciu esta cuarta 22 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP), e que tiña patoloxías previas.