Os casos activos de Covid aumentan por quinta xornada consecutiva

Cribado masivo entre a mocidade en Ourense, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Soben a 31 os pacientes hospitalizados pola Covid e a 481 os casos activos mentres baixan a 37 os novos contaxios rexistrados.

Os pacientes hospitalizados pola Covid-19 na Galiza aumentaron a 31, o que supón sete máis que a xornada anterior, así como os casos activos, que se elevan a 481 -oito máis-, mentres que os novos contaxios descenden a 37 -implican 22 menos que o día pasado-. 

Segundo os datos actualizados esta quinta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta cuarta feira, descenden a catro as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 -unha menos- e ascenden a 27 as que se atopan noutras unidades convencionais -oito máis-; mentres que 450 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta nas da Coruña-Cee, Ourense, Vigo, e Ferrol; mentres que se alivia nas de Pontevedra-O Salnés -a única sen ingresados na Galiza- e Lugo; e mantense na de Santiago-Barbanza.

As infeccións activas aumentan en dúas das sete áreas sanitarias: Ourense (+10) e Santiago e Barbanza (+4)

Os casos activos de Covid increméntanse por quinta xornada consecutiva no conxunto de Galiza e ascenden a 481, oito máis, ao haber de novo máis contaxios (37) que altas (29).

As infeccións activas aumentan en dúas das sete áreas sanitarias: Ourense (+10) e Santiago e Barbanza (+4); descende nas de Vigo (-3), A Coruña e Cee (-1), Lugo (-1) e Ferrol (-1), mentres que se mantén sen cambios na de Pontevedra e O Salnés.

Os novos contaxios de Covid-19 descenden a 37, que supoñen 22 menos que os 59 da xornada anterior, após os 43 do martes e 24 do inicio desta semana. O luns 11 de outubro rexistráronse 14, a cifra máis baixa desde que Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade'.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- cae ao 0,95%. Deste modo, continúa por baixo dese 5% que a OMS fixa como limiar para considerar controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia no conxunto de Galiza mantéñense en 2.651, ao non notificar esta cuarta feira a Consellaría de Sanidade novas vítimas.