Os casos activos de Covid baixan dos 1.500 por primeira vez desde agosto

A área santitaria de Lugo-A Mariña-Monforte non ten ningún paciente ingresado por Covid (Foto: Xunta da Galiza).
Descende a presión hospitalaria e a área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte xa non conta con nigunha persoa ingresada.

A pandemia continúa na Galiza cunha evolución favorábel despois de que nas últimas horas baixasen non só os novos contaxios detectados, que o fixeron lixeiramente até os 79 nun día ─dous menos─, senón tamén os casos activos da enfermidade, que caen dos 1.500 por primeira vez desde o 16 de agosto do ano pasado.

Ademais, a presión hospitalaria que deixa a Covid-19 segue en descenso e a área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte xa non conta con ningún paciente ingresado. De acordo cos datos difundidos este domingo pola Consellaría de Sanidade, solicitados até as 18,00 do sábado, a cifra total de persoas hospitalizadas con coronavirus sitúase en 64, catro menos que no parte anterior.

Esta diminución da presión asistencial prodúcese grazas á caída dos pacientes en planta, até os 50 ─dous menos─, e en unidades de coidados intensivos, até os 14 ─outros dous menos─.

Por áreas sanitarias, tan só a de Vigo rexistrou nas últimas horas un incremento na cifra de persoas hospitalizadas, que alcanzan as 13 ─dúas máis─, das que se manteñen tres na UCI.

Os ingresados non rexistraron variacións na área de Pontevedra-O Salnés, que segue con oito, dous deles en coidados intensivos; na de Ferrol, con outros oito, dos que tres están na UCI; e na de Santiago-Barbanza, que se mantén con nove hospitalizados, aínda que conta con dous en unidades de críticos ─un menos que hai un día─.

Mentres tanto, a área de Lugo-A Mariña-Monforte xa non contabiliza ningún ingresado con covid-19 cando 24 horas atrás aínda mantida dous pacientes en planta e outros dous en coidados intensivos.

Tamén descenderon os hospitalizados na área da Coruña-Cee, cun total de 21 (-1), tres deles en UCI; e en Ourense-Verín-O Barco, con oito (-1), un deles críticos.

Casos activos en descenso

En canto aos casos activos de covid-19, alcanzan os 22 días de descenso continuo e redúcense a 1.462 no conxunto do páis, 55 menos que a xornada pasada, ao haber máis altas que novos diagnósticos.

Os pacientes de coronavirus só repuntaron, e lixeiramente, na área da Coruña-Cee, até os 372 (+4), e na de Lugo-A Mariña-Monforte, a 216 (+8).

En canto ao resto, continúan en baixada: na de Vigo, hai 334 enfermos de coronavirus (-18); en Santiago-Barbanza, 169 (-13); en Ourense-Verín-O Barco, 142 (-7); en Pontevedra-O Salnés, 132 (-16); e en Ferrol, 97 (-13).

Volven baixar os contaxios

Así mesmo, os novos contaxios de covid-19 detectados por calquera tipo de proba en toda Galiza volveron situarse por baixo do centenar, concretamente en 79, dous menos que os notificados o sábado. Isto supón continuar na liña na que comezou a semana, a pesar de que os datos de Sanidade desta sexta feira reflectían un aumento de 105.

Dos 79 novos contaxios, 22 detectáronse na área da Coruña, 20 na de Vigo e 16 na de Lugo. Así mesmo, a de Ourense suma 10 infeccións, a de Santiago cinco, a de Pontevedra catro e a de Ferrol só dúas.

Por tanto, os contaxiados en toda Galiza desde o inicio da pandemia ascenden a 127.926, dos que 30.667 corresponden á área da Coruña; 25.250, á de Vigo; 20.088, á de Santiago; 15.834, á de Ourense; 14.364, á de Pontevedra; 13.038, á de Lugo; e 8.685, á de Ferrol.

Falecementos 

A cifra de persoas falecidas diagnosticadas con covid-19 na Galiza desde o inicio da pandemia mantense en 2.430, despois de que na tarde do sábado Sanidade non notificase ningunha vítima nova.

Fronte a iso, curaron deste coronavirus 124.059 pacientes, 134 persoas máis que as contabilizadas até a xornada pasada na Galiza.