Os casos activos de Covid-19 suman 22 xornadas consecutivas de incremento e sitúanse en 2.696

Imaxe de arquivo dun cribado en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Rexistráronse 270 novos contaxios, que supoñen unha trintena menos que na xornada anterior. 

Galiza comeza esta semana con 270 novos contaxios rexistrados de Covid-19, que supoñen unha trintena menos que a xornada pasada, e 2.696 casos activos, 189 máis que a xornada anterior, mentres que soben a 76 os pacientes hospitalizados por este coronavirus -tres máis-. 

Segundo os datos publicados na mañá desta segunda feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas deste domingo, mantéñense 14 persoas ingresadas en UCI pola Covid no conxunto de Galiza e increméntanse a 62 as hospitalizadas noutras unidades -tres máis-, mentres que 2.620 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente nas áreas da Coruña-Cee, Ourense e Ferrol; alíviase na de Vigo e mantense sen cambios nas de Santiago-Barbanza, Lugo e Pontevedra-O Salnés.

Os casos activos de Covid-19 continúan en ascenso e acumulan 22 xornadas consecutivas de incremento. En concreto, sitúanse en 2.696, que implican 189 máis que o día anterior, ao haber máis contaxios (270) que altas (81). Hai unha semana, o 15 de novembro había 1.285, que supoñen 1.411 infeccións menos.

Así, as infeccións activas ascenden de novo nas sete áreas sanitarias galegas, coa de Vigo á cabeza (+77), seguida da de Ourense (+22), Lugo (+22), A Coruña e Cee (+19), Santiago e Barbanza (+9), Pontevedra e O Salnés (+6) e Ferrol (+5).

Os novos contaxios de Covid-19 sitúanse por baixo dos 300 ao iniciar esta semana con 270, que constitúen 30 menos que os rexistrados este pasado domingo. A segunda feria anterior -15 de novembro- houbo 136. A cifra máis baixa desde que Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade' rexistrouse o 11 de outubro, cando houbo 14.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, comeza esta semana cun lixeiro aumento ao 7,94%. Mantense así por riba do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Pola súa banda, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia en toda Galiza mantéñense en 2.662, ao non notificar Sanidade vítimas desde o pasado sábado.