Os casos activos de Covid-19 seguen subindo na Galiza e achéganse xa aos 2.300

Hai 149 casos activos máis que na xornada anterior, ao dárense 229 novos diagnósticos positivos e só 80 altas (Foto: Eduardo Briones / Europa Press)

Nas últimas 24 horas detectáronse 229 novos contaxios de coronavirus, o que fai aumentar nunha xornada máis o número total de casos activos na Galiza: 2.285.

Volven subir por undécimo día consecutivo os casos activos de coronavirus na Galiza. Son 2.285 segundo a actualización dos datos da pandemia que publica diariamente a Consellaría de Sanidade no seu portal sobre o coronavirus, con rexistros até as 18 horas da xornada anterior.

51 son as persoas ingresadas con Covid-19 nos hospitais galegos, 10 delas están nas unidades de coidados intensivos (UCI).

Así, o número de hospitalizados en UCI redúcese en dous con respecto ao día anterior, ao haber unha persoa menos tanto en planta como na UCI. Por áreas sanitarias, na de Pontevedra-O Salnés baixaron a 11 os hospitalizados (-1), aínda que se manteñen en catro os que están en críticos; mentres que na de Vigo, que conta coas UCI baleiras de pacientes con  Covid, os ingresados descenderon a dous (-1).

A área que conta con máis hospitalizados con coronavirus é a da Coruña, que continúa con 21, os mesmos que hai un día, aínda que ten dous -un menos- en coidados intensivos.

Tamén se mantén sen variacións a área de Ourense-Verín-O Barco, con seis ingresados e ningún na UCI; a de Ferrol, cun total de catro hospitalizados, dous deles críticos; a de Santiago-Barbanza, con catro ingresados, dos que un está en coidados intensivos; e a de Lugo-A Mariña-Monforte, con tres, un deles crítico.

Contaxios

Hai 149 casos activos máis que na xornada anterior, ao dárense 229 novos diagnósticos positivos e só 80 altas.

Por áreas sanitarias, as sete rexistran un incremento dos casos activos por coronavirus. O maior aumento rexístrao a de Pontevedra-O Salnés, que contabiliza xa 459 pacientes (+46).

Pero a área con máis casos activos segue sendo A Coruña-Cee, con 610 (+13). Ségueas a de Vigo, con 386 (+14); a de Ourense-Verín-O Barco, con 279 (+25); a de Lugo-A Mariña-Monforte, con 240 (+10); a de Santiago-Barbanza, con 223 (+14); e a de Ferrol, con 88 (+14).

Aliás, os contaxios detectados en 24 horas por calquera tipo de proba estabilizáronse nas últimas horas. En concreto, até as 18 horas do sábado detectáronse 229 novas infeccións, unha menos que as 230 do día anterior, mais supón manter a tendencia iniciada a 24 de xuño, cos  contaxios por encima do centenar.

O maior número de casos diagnosticados nas últimas horas deuse na área de Pontevedra con 52, seguida pola Coruña, con 44; e na de Ourense, con 37. Na área de Vigo foron 35 os contaxios identificados, 22 na de Santiago, 15 na de Ferrol e 14 na área luguesa.

Deste modo, os contaxiados detectados na Galiza desde o inicio da pandemia ascenden a 130.626.

Taxa de positividade en niveis máximos desde febreiro

A taxa de positividade nas probas PCR volve situarse en niveis máximos desde mediados do mes de febreiro durante a suba da terceira onda da pandemia.

Nas últimas 24 horas, a taxa de positivos quedou en 4,6%, de novo ao bordo do 5% que estabelece a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia, un limiar que a Galiza non supera desde o pasado 15 de febreiro (fíxoo nos datos da quinta feira, pero a taxa fo  recalculada nas últimas horas).

Vítimas e altas

Desde o comezo desta crise sanitaria as persoas falecidas diagnosticadas con Covid.19 na Galizaa mantéñense nas 2.437, despois de que Sanidade non notificase ningunha nova vítima nas últimas 24 horas.

Pola súa banda, 125.929 pacientes curáronse deste coronavirus no conxunto da Galiza, 80 persoas máis que as rexistradas até a xornada anterior.