Os casos activos de Covid-19 marcan o máximo desde o inicio da pandemia: 5.880 e hai 514 novos contaxios

Unha proba PCR desde un coche (Imaxe: Europa Press).

Os novos contaxios xa superan o medio millar e sitúanse, a respecto das últimas 24 horas, en 514. É a segunda cifra máis elevada de toda a pandemia. Ademais, hai 5.880 casos activos, o maior número desde onte.

O número de novos contaxios da Covid-19 non deixa de medrar. Segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade, nas últimas 24 horas detectáronse 514 positivos por PCR. É a cifra máis elevada nesta segunda onda e a segunda de toda a pandemia.

A maior parte deses 514 novos casos rexistráronse na área sanitaria de Compostela e o Barbanza, 131. A continuación, sitúase a área da Coruña e Cee, con 92 novos casos; e as áreas de Vigo e Ourense, con 64 en cada un dos casos.

Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistráronse 59 novos contaxios; na de Ferrol, 58 e na de Lugo, 46.

Os casos activos tamén experimentaron un incremento, neste caso de 205. O total sitúase en 5.880. É a cifra máis alta após a comunicada na quinta feira, 5.675, e da do 8 de abril de 2020, cando había 5.481 casos activos.

A área con máis casos activos segue a ser a de Ourense, malia rexistrar un descenso de 40 casos. Fica con 1.449. Soben 92 en Santiago e Barbanza, que se coloca con 983; 53 na Coruña, con 964 activos; 46 en Ferrol, con 329; 31 en Pontevedra, con 595; 13 en Lugo, con 555 e 10 en Vigo, con 1.005.

Até a data curáronse 24.573 persoas, o que implica 318 máis que as rexistradas na quinta feira e realizáronse 616.297 PCR fronte ás 609.516 da xornada anterior.

Falecementos

En canto aos falecidos, morreron 856 persoas coa Covid-19, tras notificar Sanidade nove vítimas na tarde da quinta feira, tres deles relacionados con residencias de anciáns.

En concreto, os últimos falecidos foron un home de 95 anos e outro de 71 que se atopaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; así como unha muller de 60 anos falecida no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

No Hospital de Ourense producíronse cinco mortes notificadas este xoves: a de catro homes de 92, 81, 80 e 76 anos e a dunha muller de 87, mentres que na Clínica Santa Teresa de Ourense faleceu un home de 92 anos.

Tanto esta última vítima como unha das do CHUO procedían da residencia Os Gozos, de Pereiro de Aguiar, mentres que outro dos falecidos no Hospital de Ourense estaba vinculado á Virxen Branca de Ourense.