Os casos activos de COVID-19 na Galiza caen por baixo dos mil por primeira vez en 2 meses: 990

(Europa Press)

O número de persoas curadas supera as 9.500. O virus matou 609 persoas nestas semanas de pandemia.

O número de persoas contaxiadas polo coronavirus na Galiza é de 990, o que supón un descenso de 73 casos a respecto da xornada de onte, cando se rexistraron 1.063.

Por áreas sanitarias, 252 dos casos positivos corresponden á área da Coruña, 63 son da de Lugo, 160 da de Ourense, 50 están na de Pontevedra, 273 da área de Vigo, 161 da de Santiago, e 31 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 13 permanecen en UCI, o que supón 3 menos ca onte e 72 están en unidades de hospitalización (7 menos).

Son 905 as persoas atendidas no domicilio cando eran 768 (63 máis) na cuarta feira.

Polo de agora, na Galiza hai un total de 9.505 persoas curadas (case cen máis), rexistrándose 609 falecementos. 

O número de PCR realizadas é de 130.424.

Residencias de anciás

No que atinxe ás residencias de anciás, hai 210 casos activos (15 menos), dos que 115 son de persoas usuarias mentres que 95 son de traballadoras e traballadores.

No que atinxe a falecementos, mantense en 271: 132 en residencias e 139 en hospitais e residencias integradas.