Os casos activos de Covid-19 ascenden por sétima xornada consecutiva

Imaxe de q arquivo ( Foto: Eduardo Sanz / Europa Press)
Repuntan a 162 os novos contaxios de Covid-19 e a taxa de positividade cae por baixo do 2%.

Os casos activos de Covid-19 ascenden por sétima xornada consecutiva en Galiza e sitúanse en 1.673, mentres que os novos contaxios repuntan a 162, que supoñen 41 máis que a xornada anterior, e os pacientes hospitalizados debido a este coronavirus aumentan en global a 54, aínda que os ingresados en UCI baixan a 10 -dous menos-.

Segundo os datos publicados na mañá desta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta terza -29 de xuño-, recollidos por Europa Press, baixan a 10 as persoas ingresadas en UCI pola Covid -dúas menos- e increméntanse a 44 as que permanecen noutras unidades -catro máis-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente nas da Coruña e Cee, Lugo e Pontevedra e O Salnés; baixa na de Vigo; e mantense nas de Ourense, Santiago e Barbanza e Ferrol.

No relativo aos casos activos de Covid-19 por sétima xornada consecutiva increméntanse e sitúanse en 1.673 no conxunto de Galiza, 94 máis que a xornada anterior, ao haber de novo máis contaxios (162) que altas (68). Por tanto, a piques de acabar xuño mantéñense en niveis da segunda quincena de agosto do ano pasado.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas aumentan en seis das sete: Vigo (+29), Pontevedra e O Salnés (+24), A Coruña e Cee (+13), Lugo (+13), Santiago e Barbanza (+11) e Ferrol (+6); mentres que unicamente descenden na de Ourense (-2).

En canto aos novos contaxios de Covid-19 detectados con calquera tipo de proba mantéñense desdea pasada quinmta feira por riba dos 120 e, após arrincar esta semana con 123 e descender lixeiramente a 121 o día pasado, repuntan a 162, que supoñen 41 máis que a xornada anterior.

No conxunto de Galiza foron confirmados 157 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos actualizados por Sanidade, 35 máis que a xornada pasada, dos cales 34 corresponden á área da Coruña e Cee; 33, á de Vigo; 31, á de Pontevedra e O Salnés; 18, á de Lugo; 16, á de Ourense; 15, á de Santiago e Barbanza; e nove, á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade das PCR en Galiza caeu por baixo do 2%, a un 1,67% após iniciar a semana nun 3,5%.

Desde o inicio desta crise sanitaria faleceron 2.436 persoas diagnosticadas con Covid-19 en toda Galiza ao non informar esta terza feira o departamento de Sanidade de novas vítimas.