Os casos activos de coronavirus na Galiza caen por baixo dos 800

(Oscar J. Barroso / Europa Press)

Hai 9.849 persoas curadas e 615 vítimas mortais.

A evolución do coronavirus continúa a ser boa na Galiza, cun aumento de persoas curadas e descensos de casos activos. Unha evolución, porén, sobre a que pende a advertencia dos expertos: a posibilidade de rebrotes a partir das vindeiras semanas, en grande medida da man da chegada de turistas e visitantes de zonas procedentes de zonas con maior incidencia deste virus.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 799, 24 menos ca onte.

Deles 187 son da área da Coruña, 51 da de Lugo, 94 da de Ourense, 36 da de Pontevedra, 268 da área de Vigo, 142 da de Santiago, e 21 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 5 permanecen en UCI, 37 están en unidades de hospitalización e 757 no domicilio. Polo de agora, na Galiza hai un total de 9.849 persoas curadas, rexistrándose 615 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 138.993.

Residencias de anciás

No que atinxe ás residencias de anciás, hai 116 casos activos, 9 menos ca onte, dos que 68 son de persoas usuarias mentres que 48 son de traballadoras e traballadores.

Os falecementos mantéñense en 272: 132 en residencias e 140 en hospitais e residencias integradas.