Os casos activos de coronavirus na Galiza baixan até 1.199

Mantense a tendencia da evolución da pandemia que se viña rexistrando nos días pasados (Europa Press)

O Sergas deixa de contabilizar aqueles pacientes que se someteran a unha proba diagnóstica diferente á PCR até que non se teña unha confirmación por este mecanismo.

Os casos activos de coronavirus na Galiza diminuíron até 1.199 afectados, 311 menos que o sábado; ao tempo que se rexistraron 335 altas que elevan os recuperados até 9.155, segundo explicou neste domingo, 17 de maio, a Consellaría de Sanidade.

Desta maneira mantense a tendencia da evolución da pandemia que se viña rexistrando nos días pasados, aínda que o número de recuperados é menor que o rexistrado no sábado, así como tamén o é o descenso dos casos activos.

A Dirección Xeral de Saúde Pública precisou que neste domingo a maioría de pacientes con COVID-19 concéntranse na área sanitaria de Vigo, con 352 infectados (49 menos que no sábado).

Pola súa banda, a área da Coruña mantén 277 casos (-54), a de Ourense, 209 (-68), a de Santiago rexistra 187 (-57), a de Lugo 77 (-20), a de Pontevedra 62 (-31) e a de Ferrol 35 (-30).

A respecto da atención sanitaria dos pacientes diagnosticado con COVID-19, a maioría reciben asistencia domiciliaria (1.087). Ao mesmo tempo, 94 persoas permanecen ingresadas en unidades de hospitalización convencional e 18 seguen na UCI, unha menos que no sábado.

Até agora curáronse un total de 9.155 persoas e o Sergas continúa a realizar PCR para diagnosticar o virus. Durante a última xornada realizáronse un total de 1.724 PCR, que suman xa 125.832.

Revisión completada

Neste domingo, a Consellaría tamén comunicou que se completara a revisión dos casos activos "para adecuar as cifras" ao último requirimiento do Ministerio de Sanidade.

Este estabelece que non se contemplará como un novo caso de coronavirus aqueles pacientes que se someteran a unha proba diagnóstica diferente á PCR até que non teña unha confirmación por PCR.

Por este motivo, o Sergas determinou que "procede deixar de considerar casos activos aqueles anteriores a esta instrución onde se comprobou que xa existe unha PCR negativa posterior á primeira proba diagnóstica".