Os casos activos chegan até os 3.139, cunha suba de 200 nun só día

Dúas sanitarias nunha zona destinada a practicar PCR (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Os datos que manexa a Consellaría de Sanidade amosan que dos 3.139 casos activos, preto da metade circunscríbense á área sanitaria da Coruña e Cee. Porén, esta sexta feira rexistráronse novas afeccións en todas as demarcacións sanitarias. Un dos grupos máis afectados pola pandemia segue a ser o das persoas que viven en residencias.

O número de casos activos da Covid-19 na Galiza continúan a incrementarse. Esta sexta feira comunicouse que se rexistraron outras 200 persoas con afección polo coronavirus, o que deixa o total de doentes en 3.139. O incremento foi repartido por todo o país dado que a Consellería de Sanidade informou de contaxios en todas as áreas sanitarias.

Os datos actualizados reflexan que hai unha ducia de persoas na UCI, ao igual que esta quinta feira, un cento están en unidades de hospitalización convencional (cinco máis que o día anterior) e 3.026 están tendo un seguimento nos seus domicilios. Este último grupo foi o que máis creceu respecto da xornada pasada, con 195 positivos.

Dos 3.139 casos que seguen activos, 1.352 circunscríbense á área sanitaria da Coruña e Cee (47 máis que onte) e 450 á de Compostela, o que supuxo contabilizar 46 novas doentes en só unha xornada. Na demarcación sanitaria de Lugo hai 547 afectadas e afectados (cunha evolución de 65 persoas á alza). O resto dos positivos repártense en 169 en Vigo (catro máis); 187 en Pontevedra e O Salnés (oito a maiores); 292 en Ourense, con 26 avisos novos, e 123 á de Ferrol (catro máis). As PCR practicadas ascenden a 322.198.

Desde Sanidade quixeron destacar que, até esta sexta feira, curáronse 12.292 galegas e galegos, 109 máis que esta quinta feira. O dato refírese a todo o tempo de afección da pandemia do coronavirus, polo que xa morreron no país 635 persoas (279 delas vivían en centros residenciais). De feito, 135 das e dos afectados faleceron nos propios xeriátricos. A última vítima foi unha muller de 93 anos na residencia Orpea Culleredo.

Afección nas residencias

Do cómputo global, 144 afectados e afectadas teñen vínculos con centros residenciais, sendo 100 as persoas usuarias e 44 dos cadros de persoal. Das e dos residentes 87 pertencen ao centro de O Incio, 11 ao de Orpea en Culleredo e un ao de DomusVi Lalín.  

Segundo as consellarías de Política Social e Sanidade, os catro novos casos entre traballadoras e traballadores responden a un empregado que deu positivo en Orpea, situada no barrio da Zapateira pero xa en Culleredo; dous da residencia de DomusVi en Outeiro de Rei e unha cuarta persoa da residencia para persoas con capacidades diferentes A Braña, situada no concello da Estrada.

En total, hai 26 afectados de O Incio; dous de Lalín; cinco de Culleredo; dous en Outeiro de Rei e un en cada unha das seguintes infraestructuras: DomusVi de Monforte; Paradela; San Bartolomeu de Xove; DomusVi de Barra de Miño; Volta do Castro en Santiago; Residencia Os Tercios en Touro e Residencia Nosa Señora do Socorro en Arnoia.