Os casos activos de Covid na Galiza caen por baixo dos 700

(Foto: Arxina).

Os hospitalizados baixan a 43 e soben os novos contaxios a 31. A taxa de positividade cae a un 0,48%

Galiza chega ao ecuador desta semana na que entrou en niveis de 'nova normalidade' cunha baixada dos pacientes hospitalizados pola Covid-19 até os 43, que supoñen oito menos que o día anterior, e un lixeiro aumento dos novos contaxios até o 31 -sete máis-, mentres que os casos activos seguen en descenso até situarse nos 679. Polo seu lado, a taxa de positividade cae a un 0,48%.

Segundo os datos publicados esta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da terza feira, descenden a 12 as persoas diagnosticadas con Covid-19 ingresadas en UCI -unha menos- e a 31 as ingresadas noutras unidades -sete menos-, mentres que 636 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende en tres das sete: A Coruña-Cee, Ourense e Vigo; aumenta lixeiramente nas de Lugo, Ferrol e Pontevedra-O Salnés; e mantense na de Santiago e Barbanza.

Galiza chega ao ecuador desta semana na que entrou en niveis de 'nova normalidade' con 679 casos activos de Covid-19, que representan 36 menos que o día anterior, ao haber máis altas (67) que contaxios (31).

Por áreas sanitarias, as infeccións activas aumentan lixeiramente na de Ourense (+1), mentres que descenden nas outras seis coa de Lugo á cabeza (-10), seguida da Coruña e Cee (-8), Santiago e Barbanza (-6), Ferrol (-6), Pontevedra e O Salnés (-5) e Vigo (-2).

Os novos contaxios de Covid-19 en toda Galiza superan a trintena por primeira vez esta semana ao subir a 31, sete máis que os 24 da xornada anterior após os 28 da segunda feira.

De novo os 31 positivos foron detectados por proba de infección activa nas últimas 24 horas, dez deles na área de Ourense; nove, na da Coruña e Cee; catro, na de Lugo; tres, na de Vigo; dous, na de Santiago e Barbanza; e outros dous, na de Pontevedra e O Salnés; e un, na de Ferrol. En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- volveu a descender até un 0,48%.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia en Galiza mantéñense en 2.639 desde o arranque da semana, ao non notificar esta terza feira tampouco a Consellaría de Sanidade ningunha vítima.