Os casos activos na Galiza baixan da barreira dos 7.000

Dúas persoas maiores pasean diante da residencia das Gándaras, a maior de Lugo (Carlos Castro / Europa Press)

 A taxa de positividade mantense perto do 5% e Os novos contaxios roldan os 300 casos e a presión hospitalaria estabilízase cun novo paciente ingresado en UCI.

A evolución da pandemia nas últimas horas, segundo datos facilitados pola Consellaría de Sanidade, reflicten que as infeccións activas baixan da barreira dos 7.000, após negativizarse 545 casos, e a taxa de positividade das PCR (o número de positivos por cada 100 probas realizadas) excede lixeiramente o límite do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Os contaxios, pola contra, volven superar lixeiramente os 300 casos, mais a presión hospitalaria estabilízase e rexistra unicamente un novo paciente en UCI, co que son 154 os hospitalizados en planta e 48 en críticos nos hospitais galegos.

Así, segundo eses datos nas últimas 24 horas rexistráronse 317 novos contaxios por Covid na Galiza, fronte aos 234 notificados un día antes.

Segundo notificou o Sergas, na última xornada detectáronse 53 novos contaxios na área sanitaria da Coruña, 63 na área de Lugo, 51 na área de Santiago, 69 na área de Vigo, 51 na área de Ourense, 10 na área Sanitaria de Ferrol e 16 contaxios novos na área de Pontevedra. Polo tanto, se temos en conta as últimas altas epidemiolóxicas (849), o número de casos activos de Covid na Galiza sitúase en 6.628, 545 casos menos que hai un día.

Porén, os casos activos descenden en todas as áreas. Desta maneira, A Coruña continúa á cabeza da relación de casos activos, con 1.616 (146 menos); seguida pola área de Lugo, con 1.315 casos (93 menos); e pola de Santiago, con 1.228 infeccións (55 menos).

A área de Vigo baixa por primeira vez dos 1.000 casos activos, con 999, após recibir o alta 127 persoas; na de Ourense hai 646 casos (oito menos); na de Pontevedra hai 429 casos (49 menos); e na de Ferrol son 395 infeccións activas (57 menos).

Presión hospitalaría estábel

Con respecto á presión hospitalaria, nas últimas horas contabilizáronse 48 pacientes en UCI (un máis nas últimas 24 horas) e 154 hospitalizados en unidades convencionais (sen cambios).

Por áreas, a carga asistencial deténse en parte das zonas sanitarias. A de Ourense conta con 19 pacientes máis en planta (un máis) e seis en UCI (un menos); a de Ferrol, con 16 hospitalizados en unidades convencionais (dúas menos) e sete en críticos (dous máis); e na de Santiago, non se rexistraron cambios nas últimas 24 horas (17 pacientes en planta e catro en UCI).

Por outra banda, as áreas de Lugo e Vigo rexistran un leve incremento na súa carga asistencial. A lucense conta con tres pacientes en UCI (un máis) e mantén a 30 hospitalizados en planta; mentres que na viguesa, hai 25 persoas ingresadas en unidades convencionais (dúas máis) e 11 en críticos (dous máis).

A cara máis positiva está na área de Pontevedra, que conta con tres hospitalizados en UCI (un menos) e nove en planta.

Datos de persoas curadas, falecidas e das probas

Con respecto ás persoas que superaron a Covid, segundo os datos de Sanidade estas son xa 170.534, após recibir o alta nas últimas horas outras 849 persoas. Pola contra, desde o inicio da pandemia faleceron 2.579 persoas, todas con patoloxías previas.

Segundo informou a Consellaría de Sanidade, trátase dunha muller de 89 anos que perdeu a vida no Hospital de Monforte. Ademais, faleceu un home de 87 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Con respecto ás probas PCR, realizáronse desde o comezo da pandemia unhas 2.760.951 probas. Doutra banda, o índice de positivos detectados aumentou levemente e situouse no 5,94%. A pesar do lixeiro incremento, a porcentaxe continúa na marxe do 5% marcado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.