Os casos activos achéganse a 1.800 e a cifra de persoas contaxiadas nas residencias xa é de 86

(Europa Press)

Unha residencia do Incio rexistra 65 usuarias infectados e catro traballadores

Os datos continúan sen ser bos. Os casos activos de Covid na Galiza seguen a aumentar día tras día. Nas últimas 24 horas, 160 casos activos máis, o que eleva o total na Galiza a 1.783.

E un dato preocupante: 86 persoas contaxiadas nas residencias galegas. A maioría delas (65 usuarias e catro traballadores) nun centro de anciás do Incio, da Fundación San Rosendo. O alcalde do Incio, Héctor Manuel Corujo, confirmou que lle pedirá a Sanidade a realización dun "cribado masivo" para detectar casos activos de coronavirus.

Segundo o balance da Xunta, as e os usuarios infectados por Covid-19 en residencias na Galiza ascenden a 76, deles os 65 do centro do Incio (de Fundación San Rosendo) e 11 na Residencia Orpea Coruña en Culleredo.

En canto aos traballadores e traballadoras infectadas, soben a dez, catro deles na residencia do Incio; dous na Orpea Coruña; un na DomusVi Monforte; outro na Residencia de Maiores de Paradela; outro na Residencia de Maiores San Bartolomeu en Xove e outro na DomusVi Barra de Miño en Coles.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 1.783.

Deles 1.045 son da área da Coruña (+85), 170 da de Lugo (+34), 157 da de Ourense (+12), 80 da de Pontevedra (-4), 141 da área de Vigo (+3), 113 da de Santiago (+12), e 77 da de Ferrol (+8).

Do total de pacientes positivos, 6 están en UCI, 64 en unidades de hospitalización e 1.713 no domicilio.

Polo de agora, na Galiza hai un total de 11.701 persoas curadas, rexistrándose 626 falecementos. A última persoa falecida foi un home de 90 anos que estaba ingresado no CHUAC e presentaba patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 290.491.