Un caso negativo segue na planta das persoas con COVID en Celanova por falta de habitacións

Un operario co traxe de desinfeccion na Residencia de ancianos San Carlos de Celanova (Rosa Veiga/Europa Press).

Denúnciao o BNG.

O BNG de Celanova denuncia que un caso negativo seguía na mañá desta cuarta feira, día e medio despois de que se coñecera o seu resultado negativo nos últimos test, na "planta de covids" da residencia. A familia deu a voz de alerta. “A Residencia está coa dirección delegada –a directora, unha das contaxiadas, segue de baixa pola infección-, os patróns non aparecen e o Sergas segue negándose á intervención”.

Segundo o BNG, a familia recibiu a explicación de que a muller está atendida “seguindo un protocolo da UME” e que as traballadoras mudan de roupa entre esa habitación e as outras. A familia tamén recorreu ao médico de cabeceira, “mais este restou importancia á situación”.

Outras fontes, afirman as nacionalistas, explican que o cambio de planta non se fixo porque non quedan habitacións libres despois de que volveran para Celanova parte dos trasladados a Baños de Molgas, os últimos, este pasado domingo.