O caso da Maruxaina agrávase coa gravación de relacións sexuais

Manifestación polo caso da Maruxaina. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
As imaxes foron tomadas con cámaras de altísima calidade

O caso da Maruxaina segue a queimar etapas ao tempo que aparecen novos indicios que agravan a ilegalidade cometida. Nos últimos días saíron á luz novos vídeos que, a diferenza dos primeiros, mostran a varias parellas mantendo relacións sexuais de xeito explícito na praia de San Cibrao durante a noite.

Do mesmo xeito que as imaxes de mulleres ouriñando que foron tomadas co descoñecemento das agredidas, os vídeos destas parellas foron recollidos con cámaras de visión nocturna de moi boa calidade. 

A gravidade do acto exemplifícase nun dos vídeos das relacións sexuais, xa que a persoa ou unha das persoas que gravou estas imaxes chega a tocar a perna dunha rapaza mentres a grava coa súa parella, acto recollido nas propias gravacións.

Os vídeos suman máis dunha hora de duración, aínda que fontes policiais aseguran que a metraxe final podería ser moito maior, dado o material descuberto nas últimas xornadas.

O avogado do colectivo que aglutinou a denuncia das agredidas, Bumei, recoñeceu que as novas imaxes recompiladas polas investigadoras son “impresionantes pola calidade dos medios que se empregaron alí e polo descarado das gravacións, practicamente pegados á xente que estaba na praia.

Xosé Oliveros explicou que desde o punto de vista legal agarda que “o xuíz determine se isto confire unha maior gravidade ao caso, porque desde logo isto é peor que o que xa se vira”.

As 32 denunciantes instan o maxistrado a que lles tome declaración, ademais de pedir información á empresa titular do vehículo de aluguer que había na zona na que se tomaron as gravacións, xa que as investigacións apuntan a que o vehículo foi un dos puntos de gravación.

Outra das peticións é que o xulgado de Viveiro solicite información ao Concello de Cervo sobre posíbeis permisos especiais de circulación pola zona nese día.