Case un millón de persoas viven concentradas en 1% do territorio da Galiza

Xente na rúa durante o estado de alarma. (Imaxe: Beatriz Ciscar / Europa Press).

E o 26% da poboación galega en 82% do territorio.

A superficie rural da Galiza estendíase en 2021 sobre 82% do territorio galego, segundo os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística e que se deron a coñecer no marco das xornadas ‘Paisaxes sen xente e o futuro do territorio na Galiza’, da USC.

“Nesta vasta extensión só vivía por esas datas 26% da poboación” galega, un país que conta co maior número de entidades de poboación da Península Ibérica (máis de 40.000), aínda que nas últimas décadas está a experimentar unha progresiva concentración demográfica na faixa occidental, deixando así abandonadas partes moi extensas do territorio.

Este abandono do territorio ten implicacións demográficas, sociais e tamén produtivas, tal e como o proba a perda ou desaparición do 68% das explotacións agrarias da Galiza desde 1987. 

As galegas e galegos somos cada vez menos e cada vez estamos máis amoreados. Como un enxame. Os dados do Instituto galego de estatística correspondentes ao grao de urbanización do noso país indican que perto dun millón de galegos viven nas denominadas ZDP, Zonas densamente poboadas, as cidades. Son, en concreto, 971.271 persoas, 35,2% da poboación, e viven nunha superficie que representa apenas 1% do territorio galego: menos de 300 quilómetros cadrados.

A densidade de poboación media é de 32 habitantes por quilómetro cadrado no rural mentres que nas zonas densamente poboadas sitúase por riba dos 4.000

Outro terzo da poboación, 892.367 persoas (32,3% do total do país), residen nas denominadas ZPP, zonas pouco poboadas, as áreas rurais, que se estenden por unha superficie de 27.716 quilómetros, o que vén sendo 93,7% do territorio do noso país. Estamos, pois, ante unha diferenza moi grande. A densidade de poboación media neste caso é de 32 habitantes por quilómetro cadrado mentres que no caso anterior, as zonas densamente poboadas, anda por riba dos 4.000.

Hai unha franxa intermedia, as coñecidas por ZIP e que se refiren a vilas e arredores. Nelas, que supoñen 1.635 quilómetros (5,5% do territorio de Galiza), viven 896.000 galegos, o outro terzo da poboación do país.

Galiza camiña a pasos de xigante para ser un país con menos poboación e esta máis avellentada. As proxeccións de poboación realizadas polo Instituto galego de estatística (IGE) e publicadas nestes días sinalan que para 2031 a pirámide poboacional galega terá 26% menos de menores de 10 anos e un 16% de persoas entre os 80 e 94 anos.