Case 93% da poboación diana da Galiza está inmunizada contra a Covid-19

Campaña de cribados na xente moza en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Case o 93% da poboación diana -maiores de 12 anos- da Galiza está xa inmunizada contra a Covid-19, tras completar a pauta outras 510 persoas nas últimas 24 horas. Isto supón tamén o 84,47% de inmunizados en toda Galiza. Así, son xa 2.280.875 as persoas coa dobre pauta.

Segundo os datos publicados pola Consellaría de Sanidade no 'Cronómetro de vacinación' con respecto á xornada do sábado, recollidos por Europa Press, administráronse 4.403.001 dose da vacina contra a Covid-19 na Galicia até a data, 1.082 máis que as rexistradas ata o día pasado.

Do total, case a metade destináronse a completar pautas. Por grupos de poboación por vulnerabilidade, hai 17.529 (+31) cidadáns de alto risco coa pauta completa; 17.606 (+1) dependentes non institucionalizados; e 26.971 (+1) persoas institucionalizadas.

Ademais, 2.074.344 (+471) vacináronse por idade. Por probabilidade de exposición, teñen pauta completa 72.706 profesionais do ámbito sanitario e 27.182 do sociosanitario, ademais de 44.081 (+3) traballadores de actividades consideradas esenciais.

Por tanto, na Galiza o proceso de vacinación segue nos puntos situados nos hospitais do Sergas despois de que a semana pasada pechasen os centros de vacinación masiva, coa administración de segundas doses pendentes e autocita para maiores de 12 anos.

Baixada de casos

Por outra banda, Galiza continúa coa súa continua baixada dos casos activos da Covid-19, que se sitúan en 534 -20 menos-, mentres que os novos contaxios detectados a diario continúan na contorna da trintena, en niveis mínimos. No entanto, a pesar desta situación favorábel, a presión hospitalaria que deixa a pandemia resístese a baixar e nas últimas horas os ingresados pasaron de 40 a 44.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia en toda Galiza ascenden a 2.641, despois de que Sanidade notificase o sábado un novo óbito na residencia Sanitas da Coruña.

Mentres, 179.413 persoas diagnosticadas de coronavirus curaron na Galiza desde o comezo desta crise sanitaria.