Case 90 mestras e mestres de Infantil e de Primaria da Coruña poderían ir ao desemprego no vindeiro curso

Segundo os datos facilitados pola xefatura territorial da Coruña nesta quinta feira, a Consellería de Educación pretende suprimir na provincia case 60 unidades en Infantil e Primaria.

Suma e segue. A Xunta non perde tempo en engadir novos capítulos na acelerada serie de recortes que está a practicar na educación. As xefaturas territoriais están a comunicarlle xa aos centros os postos de traballo que serán suprimidos. Todo de costas ao diálogo coas organizacións sindicais.

 Un mínimo de 58 unidades de educacián infantil e Primaria na Coruña, e outras vinte en Pontevedra, poderían ser eliminadas no vindeiro curso, segundo os datos facilitados nesta quinta feira pola xefatura territorial da Coruña. Isto suporía a supresión de 87 postos de traballo: 34 en Educación Infantil, 47 en Educación Primaria, e o resto en inglés, francés, pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe e orientación compartida.

 Tesourada tamén nas outras provincias
 
A perda de postos de traballo e unidades esténdese ao resto das provincias. Faltan aínda datos oficiais, mais en Lugo poderíanse perder 50 postos de traballo e 30 unidades de cumprírense cos ratios oficiais e facérense efectivas as intensións da Consellería de Educación de agrupar até 18 alumnos e alumnas de diferentes idades, cursos, ciclos e etapas nunha aula.

En Ourense, a Xefatura Territorial estalle xa a comunicar aos centros os efectos da tesourada. Até 40 unidades e 80 postos de traballo poderían perderse na provincia, segundo os datos estimados por CIG-Ensino a partir das informacións achegadas polos centros.

Á falta de datos completos para a provincia de Pontevedra, dende a CIG adiantan a supresión de 19 postos e de 7 de unitarias na provincia. Os recortes poderían afectar tamén ao colexio de Fornelos e ao de Oca.

Recortes tamén na secundaria

A reducción de profesorado será manifesta tamén na secundaria. Inspección educativa está a traballar co obxectivo de reducir en moitos centros nun 10% os cadros de persoal.

Ademais, o incremento até 20 horas nas horas de docencia, fará que aqueles profesores e profesoras que non cubran coa súa materia este horario se vexan na obriga de impartir materias afíns, mesmo que non conten coa formación adecuada para impartilas.

Sen servizos de orientación

Até o de agora,todos os centros contaban cunha orientadora ou orientador, ben en exclusiva, ben compartido con outros centros. Mais a xefatura provincial de Pontevedra xa propuxo aplicar as tesouras neste ámbito. Pretende que só haxa un orientador ou orientadora compartid@ naqueles casos que, entre dous centros, sumen 20 unidades. En casos excepcionais, poderían ser até tres os centros que compartiran os servizos de orientación, pero nunca máis aló.