Case 8.000 persoas acoden sen cita vacinarse contra a Covid, que segue a frear a súa incidencia 

Menores de 12 e 13 anos esperan para se vacinar contra a Covid (Foto: Arxina).
As áreas sanitarias da Coruña, Vigo e Santiago asumiron a maior demanda de primeiras doses contra o coronavirus na primeira xornada de vacinación libre.

A evolución epidemiolóxica da Covid na Galiza segue a mellorar ao mesmo tempo que avanza a campaña de vacinación.

Este sábado, os servizos de vacinación do Sergas atenderon perto de 11.000 galegos e galegas, das cales, case 8.000 acudiron sen cita previa recibir a primeira dose.

Segundo traslada a Consellaría de Sanidade, unhas 3.000 persoas completaron, con cita, a pauta de vacinación contra o coronavirus e 8.000 responderon, sen cita, ao chamamento da Xunta para reducir o número de galegos e galegas aínda pendentes de se inmunizar, arredor de 200.000. 

A área sanitaria da Coruña, con 2.184; a de Vigo, con 2.403, e a de Santiago con 1.634, foron a sque máis demanda rexistraron seguidas das de Pontevedra, con 1.422; Ourense, con 1.048; Lugo, con 925, e Ferrol, con 498 visitas aos puntos de vacinación sen cita previa.

Vacinación libre nos campus universitarios

A posibilidade de recibir a primeira dose sen cita ningunha esténdese aos campus universitarios da Galiza esta segunda e terza feira, 13 e 14 de setembro. Poderán acudir estudantes e persoal docente, investigador, administrativo e de servizos.

A Coruña: Expocoruña, no punto de vacinación Covid habitual. Estará sinalizado o acceso para o persoal da UDC sen cita previa, de 9 a 20 horas.

Ferrol: Escola Politécnica Superior no campus de Esteiro. Ese punto estará dispoñíbel entre as 09.30 e as 14.30 horas e de 15. 30 a 20.30 horas. 

Santiago: Auditorio Roberto Vidal Bolaño (Campus Vida) de 9 a 20 horas.

Lugo: Facultade de Veterinaria de 10.30 a 13.30 horas e de 15 a 18.30 horas.

Vigo: Pavillón Universitario das Lagoas, en Marcosende, de 9 a 20 horas.

Pontevedra: Recinto feiral de Pontevedra -rúa Alexandre Bóveda, s/n- de 9 a 14.30 horas e de 16 a 21.30 horas.

Ourense: Edificio de Ferro, nunha carpa situada na entrada do edificio, de 9 a 21 horas.

Novo descenso da Covid

Ao tempo que avanza a vacinación, tamén coas segundas doses da poboación moda de 12 a 19 anos, a curva de casos activos segue a decrecer.

Segundo os últimos datos publicados pola Consellaría de Sanidade, as infeccións activas caen até as 3.754 e os novos casos confirmados por Probas de Diagnose de Infección Activa nas últimas 24 horas, até os 146, que mantén a taxa de positividade por baixo de 5% que fixa a OMS para dar por controlada a pandemia.

Por áreas, na da Coruña detectáronse 40 novos contaxios, 33 na de Santiago, 27 na de Vigo, 22 na de Ourense, 14 na de Lugo e dous na de Ferrol.

Presión hospitalaria

Polo que respecta á presión hospitalaria, nas últimas horas aumentaron levemente os pacientes ingresados por Covid, mais só en unidades convencionais.

Así, segundo datos do Sergas hai 109 doentes en planta, seis máis que o último día, e 40 en unidades de coidados intensivos, tres menos: 12 na área da Coruña (-1), sete na área de Vigo (sen cambios), cinco na área de Ferrol (sen cambios), oito na de Ourense (+1), catro na área de Pontevedra (-1), tres na de Lugo (-2) e un na de Santiago (sen cambios).

Desde o inicio da pandemia faleceron con Covid un total de 2.604 persoas, dúas máis, tras notificar Sanidade a morte dun home de 49 anos no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e doutro de 90 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.