Case 8.000 nenas e nenos galegos carecen de pediatra

Imaxe de arquivo dunha protesta en San Sadurniño en demanda dun servizo de pediatría.

Case 8.000 nenos e nenas non teñen na Galiza pediatra ou médico de referencia asignado. Eis unha das consecuencias da mingua do número de profesionais, que foi unha constante nestes anos, como denuncian desde colectivos de defensa da sanidade pública até as propias asociacións de pediatría.

Na Galiza hai 7.674 nenos e nenas que non teñen asignado pediatra ou médico de referencia. A cifra ofreceuna a Asociación Española de Pediatría en Atención Primaria (AEPap) en base a unha enquisa entre as e os profesionais das diferentes comunidades. A Vanesa Viquendi, portavoz de Pediatras e Matroas Xa, a cifra non a sorprende: "Por desgraza, non é algo que nos colla por sorpresa. Só hai que ver a cantidade de mobilizacións e protestas nos últimos meses en diferentes comarcas pola carencia de pediatras", sinala a Nós Diario.

Incide en que a ausencia destes profesionais "non é algo que se poida circunscribir a unha ou dúas comarcas, estase a notar por toda a Galiza", e advirte que "se ben afecta principalmente o rural xa se nota tamén nas cidades".

A falla de pediatras na Galiza responde a motivacións estruturais. Segundo os datos fornecidos pola AEPap ao redor de 12% das prazas están cubertas por médicas e médicos de familia, unha cifra que na área de Lugo chega a 20% e na da Coruña a 14%. “É moi complicado coñecer con precisión o número de pediatras adscritos ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) pola opacidade da Xunta á hora de ofrecer información”, sinala Manuel Martín, portavoz de SOS Sanidade Pública, mais diversas estimacións falan de "perto de 310 profesionais en Atención Primaria e de 150 en Atención Hospitalaria".

Un de cada catro

A diminución do número de pediatras é unha constante que se repite ao longo das últimas décadas. Así, en 2004 o Sergas declaraba 405 pediatras para o conxunto da Atención Primaria. Porén na actualidade o seu número anda polos 310, polo que nos últimos 15 anos téñense perdido perto de 100 prazas no conxunto da Galiza. Ao tempo, cae o número de concellos con médicas e médicos especialistas para crianzas, pasando de 113 en 2004 a aproximadamente 190 na actualidade. 

A pediatra do Hospital do Barbanza Marián Rodríguez Blanco culpa do acontecido á falla de planificación. “Nós temos un sistema de formación fechado, o sistema MIR, e nun momento pénsase que fan falla menos pediatras porque diminúe o número de crianzas. Porén as necesidades de atención son hoxe máis elevadas porque naquela altura só cubrían persoas até os sete anos e, ademais, as enfermidades crónicas son máis frecuentes entre os nenos porque antes moitos non sobrevivían”, explicou en conversa con este medio. O pediatra Manuel Sampedro alertaba na presentación do Congreso de Pediatría que a finais de 2021 decorreu na Coruña que existía unha falla destes profesionais no sistema público galego de saúde e que era necesario aumentar o número até en cen profesionais máis. "A necesidade de pediatras urxe", apunta Viquendi, que di que a carencia destes profesionais fai que haxa crianzas "atendidas por médicos de familia que, con sorte, teñen o curso de puericultura". 

A idade dos especialistas en pediatría augura "problemas"

A idade dos profesionais da pediatría é outro problema engadido. A metade dos pediatras actualmente en exercicio van estar xubilados en 10 anos.  A este respecto, a Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria afirmaba que perto de 75% das e dos pediatras en activo teñen máis de 45 anos de idade; mentres que 40% teñen máis de 55 anos e 25% superan os 60 anos. 

A propia Consellaría de Sanidade recoñeceu en xaneiro do pasado ano 2020 que a 20 pediatras de Atención Primaria se lles prorrogara a xubilación pola falla de persoas para cubrir as súas prazas. Na mesma liña, a Administración galega ten aumentado no último ano a oferta de MIR en Pediatría, estando previsto que entre 2022 e 2023 rematen a súa formación como pediatras 20 persoas. Unha cifra que os expertos consideran "claramente insuficiente".

"Non se ampliou a carteira de pediatras e o que se fixo por parte da Administración galega foi unha política de "arranxarse co que hai", afirma a portavoz do colectivo Pediatras e Matronas Xa, Vanesa Viquendi. 

E iso implica, advirte, que nun prazo de "cinco anos imos ter o mesmo problema que agora, pero agravado pola vaga de xubilacións de profesionais que vai haber daquela".