Case 500 usuarias de residencias dan positivo por coronavirus

Un home camiña por Vilalba o día que entraron en vigor algunhas das restricións. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os surtos detectados nos últimos días axudaron a incrementar moito a cifra, malia que hai residentes que curan e outras que saen das listaxes da Xunta por falecemento. Nestas infraestruturas de todo o país hai máis de 700 casos activos, dado que tamén hai contaxios entre o persoal.


 

Lonxe de entrar nun estado de calma, a situación nos xeriátricos galegos segue a complicarse practicamente cada xornada. Onte aínda se notificaba a descuberta de outros 44 casos positivos por Covid-19 na residencia Doral de Mos. Con estas cifras, a cantidade de maiores infectadas roza xa o medio milleiro.

Segundo as autoridades sanitarias e de Política Social, na xornada de hoxe ha 481 casos activos por coronavirus entre as e os usuarios das residencias. Das listas saíron, por dar negativo, 30 residentes e unha traballadora, pero os focos máis grandes non dan marxe a reducir as listaxes.

Así, as 481 persoas afectadas están distribuídas entre 32 centros. Cabe destacar que dous deles están por enriba dun cento de doentes: na residencia Asilo de Vilalba hai 117 enfermas e na Doral de Mos 139.

Malia as grandes diferencias con eses dous espazos, non implica que os gromos noutros puntos da xeografía galega non sexan importantes. En San Cibrao (Cervo) os contaxios están en 21; en San Antonio, Beariz, hai 15 positivos; na Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia continúan padecendo síntomas 13 maiores e na Domusvi de Ribadumia quedan 44 casos activos.

Así mesmo, en Vila do Conde (22), a Ballesol de Vigo (12), a residencia de Vilaboa (10) e a de Salvaterra de Miño (9), continúan a ser das que máis contaxios teñen. No CRAPD Vigo II hai 11 infectadas.

49 centros con persoal de baixa

A situación é aínda máis sorprendente se se teñen en conta no cómputo global as e os traballadores que se viron afectados polo virus. A estatística ascende a máis de 700 galegas e galegos, dos que 222 son operarias e operarios.

Hai 49 residencias con cadros de persoal reducidos en maior ou menor medida debido aos contaxios e o mantemento obrigatorio dunha corentena.

Os centros de traballo con máis empregadas e empregados infectados son o de Doral en Mos (27 persoas que deron positivo nas PCR sen saber canta xente está illada por manter contacto con estas enfermas); Nosa Señora dos Miragres de Barbadás (21); DomusVi Ribadumia (20); Nosa Señora das Virtudes, en Pontedeume, e a residencia Asilo de Vilalba, con 19 cada unha; Salvaterra de Miño (17); Ballesol Vigo (12) e San Cibrao, en Cervo (10).

Nos centros de atención a discapacidade hai 47 beneficiarias con síntomas da Covid-19, así como 19 operarias e operarios.