Sanidade

Case 300 médicos piden por carta a Rueda unha mesa de negociación: "A actividade asistencial é inasumíbel"

Alfonso Rueda, presidente da Xunta, no seu despacho. (Foto: David Cabezón)
"Nin somos uns poucos exaltados como di o conselleiro Comesaña, nin son problemas puntuais como sinala o presidente da Xunta", apuntan.

Un total de 278 facultativos especialistas en Medicina Interna con vinculación laboral no Servizo Galego de Saúde (Sergas), e algúns médicos residentes (MIR) da especialidade, asinaron unha carta dirixida ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, así como á xerencia do Sergas e á Consellaría de Sanidade, na que alertan da "actividade asistencial inasumíbel" nos servizos desta especialidade, polo que urxen unha reunión e unha "mesa de negociación".

A través dun comunicado, este colectivo de médicos de Medicina Interna alerta nun escrito conxunto consensuado remitido á Xunta "de que de forma xeneralizada todos os servizos de Medicina Interna dependentes do Sergas soportan, de forma continuada, unha actividade asistencial inasumíbel para o cadro actual, xerando unha situación caótica que preocupa enormemente polo risco de comprometer a calidade asistencial ou mesmo da seguridade dos pacientes".

Por iso, na carta remitida ao Goberno galego solicitan unha "reunión urxente con responsables sanitarios da Administración e unha representación dos traballadores implicados", que, advirten, "de non concretarse podería pór en marcha todas as medidas de protesta que dentro das leis outorgan ás organizacións sindicais e aos traballadores, sen descartar ningunha, incluíndo a realización de mobilizacións nos centros hospitalarios", que, sosteñen, "poderían culminar nunha convocatoria de folga en todo o colectivo de Medicina Interna da Galiza".

O documento remitido á Administración galega foi asinado por 278 facultativos especialistas en Medicina Interna e algúns médicos residentes da especialidade. "Asinaron a gran maioría dos internistas galegos, superando 90% nos cadros de Cee, Ferrol, A Coruña, Santiago, Barbanza, Salnés, Pontevedra, Ourense, Verín, Monforte, O Barco e Burela", destacan no seu escrito.

Ademais, inciden estes facultativos que "houbo respaldo doutros internistas fóra de cadro ou traballando noutros servizos". "Nin somos uns poucos exaltados como di o conselleiro Comesaña, nin problemas puntuais como sinala o presidente da Xunta", subliñan.

Sobre a situación da Medicina Interna, inciden en que "tampouco é certo que o problema se centre exclusivamente na cobertura dos hospitais comarcais". "Dicir iso é mentir e simplificar un problema de recursos humanos moito máis grave no seu fondo", afirman.

Por iso, resaltan que "é deber da Administración tomar en serio as reivindicacións dos internistas" co fin de, engaden, "mellorar a calidade asistencial e a seguridade dos usuarios da sanidade pública galega e as condicións dos seus traballadores".