Case 23.000 persoas concorren esta fin de semana ás oposicións de educación

Oposicións realizadas pola Xunta da Galiza (Foto: Xunta da Galiza).
En concreto, as probas para o corpo de mestres comezarán o sábado 18 de xuño, mentres que para o resto (inspectores, profesores de ensino secundario, de escolas oficiais de idiomas e de artes plásticas e deseño) serán o domingo 19. Todas elas optan ás 2.484 prazas.

Perto de 23.000 persoas concorrerán este sábado e domingo ás oposicións de educación nas 145 sedes habilitadas pola Xunta en 14 localidades de toda a Galiza.

En concreto, as probas para o corpo de mestres comezarán o sábado 18 de xuño, mentres que para o resto (inspectores, profesores de ensino secundario, de escolas oficiais de idiomas e de artes plásticas e deseño) serán o domingo 19. Todas elas optan ás 2.484 prazas.

As 145 sedes  serán na súa totalidade centros educativos, ben sexan colexios, institutos, centros integrados de FP ou centros universitarios.

Estarán situadas na cidade da Coruña, en Culleredo, Ferrol, Narón, Santiago de Compostela, na cidade de Lugo, Monforte de Lemos, na cidade de Ourense, no Carballiño, na cidade de Pontevedra, Marín, Lalín, na cidade de Vigo e en Vilagarcía de Arousa.

Información sobre a convocatoria

Está previsto que, con carácter xeral, a hora de presentación para os 222 tribunais será as 9 horas, salvo excepcións puntuais, e a primeira proba desenvolverase ás 11 horas. As persoas opositoras teñen toda a información dispoñíbel no Portal Educativo.

A Consellaría de Educación lembra que, ao abeiro do acordo asinado coas organizacións sindicais, as persoas interinas e substitutas non estarán obrigadas a presentarse ao procedemento.

4.000 prazas 

Estas prazas súmanse á oferta de emprego público de estabilización, que elevan a case 4.000 as prazas no ensino que se convocarán este ano.

O Goberno galego prevé rematar estes procesos en 2023 cunha taxa de interinidade docente do 6% no conxunto das prazas. Isto supón dous puntos menos do 8% que esixe o Goberno central para finais de 2024.