XV anos do Prestige

Case 12.800 buques con mercadorías perigosas navegan cada ano fronte ás nosas costas

Imaxe de marineinsight

En 2016 circularon perante Galiza máis buques con produtos de risco nas súas adegas que no ano en que afundiu o Prestige. Estamos preparados para facer fronte a un sinistro como o provocado polo afundimento daquel barco monocasco abandeirado en Bahamas?

O ano da catástrofe do 'Prestige' (2002) circularon polo Corredor de Fisterra 12.446 buques que transportaban materias perigosas, cualificación baixo o que se engloban produtos como hidrocarburos, gas, materiais tóxicos ou produtos corrosivos, entre outros. O 'erro' en só un deles -0,008% do total- provocou un dos maiores sinistros marítimos do noso país. Quince anos despois son 12.786 os buques con produtos de risco que navegan fronte ás nosas costas. Son 340 máis agora que entón. Embarcacións que, como denunciaban desde hai tempo colectivos da defensa do medio ambiente como a Plataforma en defensa da Ría de Arousa, entre outras, son "bombas de reloxaría potenciais".

 

Ao longo de 2016 navegaron perante as costas do noso país 12.786 buques con mercadorías perigosas, segundo dados de Salvamento Marítimo, o que supón unha media de 35 cada día. En total, son por volta de 100 os que circulan fronte ao Corredor de Fisterra. O desastre do Prestige provocou que se derramasen máis de 64.000 toneladas de combustíbel, co conseguinte impacto ambiental, económico e social. Mais non foi o sinistro máis grave que sufriu Galiza se nos cinximos á cantidade de hidrocarburos vertidos. Aí a listaxe encabézaa o Urquiola (1976), con 101.000 toneladas, seguido do ‘Mar Egeo’ (1992), con 80.000. Dos 135 sinistros de petroleiros que aconteceron nas costas do Estado español desde 1991, un total de 22 tiveron lugar en Galiza, o territorio máis afectado despois de Andalucía.

 

Avanzos?

 

Unha das decisións adoptadas após o desastre do Prestige foi a de habilitar catro carrís de navegación (antes había dous) no Corredor do Atlántico, fronte a Fisterra: a 21,7 millas (40 quilómetros); 28,3 millas (52 Qm); 35,5 millas (65 quilómetros) e 39,5 millas (73 Qm) das nosas costas.

 

Quince anos despois do desastre, Galiza continúa a carecer das competencias necesarias para afrontar un accidente das características do Prestige. A falta de medios e toma de decisións en Madrid impedirían actuar coa axilidade que requiren as actuacións de emerxencia. Así, e aínda que cada ano pasan pola costa galega un maior número de mercantes, con mercadorías perigosas, o Goberno central non contempla o traspaso das competencias en materia de seguranza marítima a Galiza.

 

Un plano con eivas

 

Aínda que se deron pasos a nivel lexislativo, o risco dunha nova marea negra persiste e as demandas de colectivos implicados na mobilización social que seguiu a catástrofe do Prestige, como a plataforma Nunca Máis, non foron atendidas. O Plano de Continxencia contra  Contaminación Mariña Accidental (Camgal), derivado das obrigas impostas na Directiva 2009/17 sobre seguranza marítima en Europa, conta con lagoas significativas.

 

Por exemplo, non recolle os portos refuxio, de maneira que non se designan os lugares da costa aos que deberían achegarse os buques en problemas. Serían, outra vez, os mandos políticos, e desde Madrid, quen decidirían cara a onde debería dirixirse o barco. Aliás, as bases loxísticas en que se localizan ferramentas como barreiras anticontaminación para facer fronte a un accidente atópanse en Vigo, Cambados, Ribeira e na Pobra, malia que a maior incidencia de tráfico marítimo se produce na Costa da Morte (cada día pasan polo corredor de Fisterra 35 buques con mercadorías perigosas).

 

 

Máis recursos

 

O presidente da Xunta afirmou esta segunda feira que “temos máis medios, máis protocolos, máis barcos, máis barreiras anticontaminación, máis almacéns loxísticos” para facer fronte a un sinistro como o do Prestige. Porén, o propio presidente da Xunta recoñeceu que o risco cero non existe.