Educación

Case 12.800 galegas e galegos examinaranse este ano da ABAU

Alumnado na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, o pasado ano, nunha das probas da Abau. (Foto: Arxina)
As probas decorrerán nunha trintena de sedes de todo o país entre o 6 e o 8 de xuño.

Case 12.800 alumnos e alumnas de todo o país matriculáronse para realizar as probas da ABAU (Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade), que terán lugar entre o 6 e o 8 de xuño, con exames nunha trintena de sedes. Segundo vén de trasladar a Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG), entre a convocatoria anticipada e a ordinaria anotáronse, en concreto, 12.788 estudantes, fronte aos 12.661 do pasado ano.

Por sedes, os lugares onde se examinará máis alumnado son a Facultade de Ciencias Económicas de Santiago (585 matriculados), a Facultade de Humanidades de Lugo (555), a ETS de Enxeñeiros de Camiños da Coruña (513), a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra (505), a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (441), a Escola de Enxeñeiros Industriais de Vigo (345) e a Facultade de Historia e Educación e Traballo Social de Ourense (304).

Esta sexta feira decorreu unha reunión de todas as presidencias e secretarías das 35 comisións delegadas para informar das novidades que haberá nas probas deste ano. Así, abordáronse as diferenzas nos horarios, a respecto de anos anteriores, e comentouse o intercambio do primeiro bloque da tarde entre terza e cuarta feira (6 e 7 de xuño), e tamén os horarios para o alumnado con necesidades específicas.

Horarios

Os exames comezarán a terza feira ás 10 horas coa proba de Historia de España, á que seguirá o exame de Lingua Castelá e Literatura II; pola tarde, será a quenda de Matemáticas II, Latín II, Economía da Empresa e Deseño.

A cuarta feira chegarán as probas de Lingua e Literatura Galega II, Lingua Estranxeira, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais, Fundamentos da Arte II, Química, Grego II, Debuxo Técnico II, Artes Escénicas e 2ª Lingua Estranxeira.

Finalmente, na última xornada, terán lugar os exames de Bioloxía, Historia da Arte, Física, Xeografía, Cultura Audiovisual II, Xeoloxía e Historia da Filosofía. As notas publicaranse a partir das 20 horas do 15 de xuño, unha semana despois do remate da última proba.

A CiUG tamén lembrou que se retoma a "detección de frecuencias" en todas as aulas das comisións delegadas, e subliñaron que, se se detecta a alguén copiando nalgunha das probas, implicará a "anulación total" da ABAU.