Case 100 positivos en 73 colexios e gardarías da Galiza

Unha profesora administra xel desinfectante a un alumno no primeiro día de colexio (Europa Press)

Moitos dos centros afectados computan un só contaxio. Fecháronse 27 aulas e tan só un por completo até agora, o Calasancio de Pontevedra, con oito casos entre o seu persoal laboral.

Un total de 60 centros de ensino non universitario e 13 escolas infantís rexistran casos de coronavirus na Galiza, onde se acumulan até esta fin de semana 96 positivos. Como consecuencia fecháronse 27 aulas, así como un colexio: o CPR Calasancio de Pontevedra, do que xa esta semana transcendera que tiña oito positivos entre o seu persoal laboral.

Así o reflicten os datos difundidos pola Xunta co total de positivos e as aulas e centros fechados por áreas sanitarias, especificando os colexios e escolas infantís afectadas por casos da Covid-19 e as localidades onde están situadas.

Estes datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente polos propios centros e xefaturas territoriais da Administración. En moitos dos centros afectados compútase un único caso positivo.

Así, no caso do área coruñesa, a Xunta informou de 23 positivos e seis aulas fechadas en tres escolas infantís e 15 centros educativos. Dous das escolas infantís están situadas na Coruña ─E.I. Mariñas (un positivo) e E.I. Kid's Garden (dous positivos)─; e a terceira, en Oleiros ─E.I. Mera (un positivo).

Os centros afectados da área coruñesa son o CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo (un positivo); así como, na Coruña, o CPR Plurilingüe Karbo (un positivo), CPR Plurilingüe Cristo Rey (un positivo), CEIP Alborada (un positivo e unha aula fechada), CPR Obradoiro (un positivo), CEIP Ramón de la Sagra (dous positivos e dúas aulas fechadas), CEIP Fernández Latorre (tres positivos e unha aula fechada), e o CEIP Rosalía de Castro (un positivo e unha aula fechada).

En Ames, o IES do Milladoiro computa un positivo, mentres que en Brión o CEIP Plurilingüe de Pedrouzos suma dous, e en Cambre, o CEIP Wenceslao Fernández Flórez rexistra outro caso. En Carballo hai dous centros afectados: o CEIP Plurilingüe A Cristina, cun positivo; e o CEIP Netoma-Razo, cun positivo e unha aula fechada. Finalmente, no CPR Rial de Cee compútase outro positivo e no CPR Andaina, de Culleredo, tamén un positivo.

Pola súa banda, na área sanitaria de Ferrol só se rexistrou un caso positivo, no CPR Ayala de Narón.

Sete centros afectados na capital do país

No caso do área sanitaria compostelá, a incidencia do coronavirus afecta catro gardarías e nove colexios que, en total, suman 17 positivos e cinco aulas fechadas. Na capital galega hai dúas gardarías no listado da Xunta ─E.I. Cativos de Conxo (cun positivo) e E.I. de Salgueiriños (con dous casos e unha aula fechada). As outras dúas escolas infantís afectadas están en Boiro ─E.I Praia Xardín, cun positivo─ e en Lalín ─E.I. Pontiñas, con outro caso─.

En canto ao resto de centros de ensino non universitario, os positivos rexístranse en: CEIP Arzúa (un positivo e unha aula pechada), EEI Laíño de Dodro (un positivo e un aula pechada), o CEIP Rosalía de Castro de Padrón (tres positivos e un aula pechada), o CEIP Castelao de Rianxo (un positivo) e o CEIP A Igrexa-Calo en Teo (un positivo).

Na capital galega rexistráronse casos en catro centros: o CEIP Vite (un positivo), EEI Gaioso (dous positivos e unha aula fechada), o CEEPR Aspanaes Duques de Lugo (un positivo) e o CEIP Plurilingüe Emma (un positivo).

Lugo e Ourense: sen casos en gardarías

Nin nas áreas de Lugo nin de Ourense hai casos en escolas infantís, aínda que si en centros educativos non universitarios. Na área de Lugo son un total de sete os centros afectados, que suman dez positivos e dúas aulas fechadas.

Así, na capital lucense rexístranse dous positivos no CPR Plurilingüe A Inmaculada e tres positivos no CEIP As Gándaras. Así mesmo, a Xunta informou dun caso no CEIP Xoán de Requeixo de Chantada e de dous centros afectados en Friol ─o CPR San José (cun positivo e unha aula fechada), e o CPI Dr. López Suárez, cun caso─.

No Incio tamén computa un positivo no CEIP Ricardo Gasset; e en Ribadeo, un positivo e unha aula fechada no CPR Sagrado Corazón.

Na área ourensá hai nove centros de ensino non universitario afectados, sete destes situados na cidade das Burgas: o CEIP Mestre Vide, cun positivo; o CPR Santa María, con outro caso; o CPR Santo Ángel, con dous positivos e unha aula fechada; o CEIP Irmáns Villar, cun positivo, o CPR Plurilingüe San José, con outro caso; o CPR Divina Pastora, cun positivo; e o CPR Plurilingüe Padre Feijoo Zorelle, con outro caso.

Ademais, hai un positivo e unha aula fechada no CPI Padrenda-Crespos de Padrenda, e outro caso no CPR María Inmaculada de Verín.

Pontevedra, incidencia nos colexios

Na área sanitaria pontevedresa, a incidencia do virus dáse sobre todo na propia cidade de Pontevedra, onde hai unha escola infantil e sete centros afectados, un destes, o Calasancio, fechado por completo.

No total da área sanitaria de Pontevedra hai cinco escolas infantís e once centros educativos con casos da Covid. As escolas infantís son a E.I. Dalila (Marín), cun positivo e unha aula fechada, a E.I. Casa do Mar (tamén en Marín), con outro caso; a E.I. Sek Atlántico (Poio), cun positivo; a E.I. A Parda (Pontevedra), cun positivo e unha aula fechada; e a E.I. Vilaboa (de Vilaboa), cun positivo e unha aula fechada.

En canto ao resto de centros afectados, na cidade do Lérez estano o CPR Calasancio (o único fechado do país, aínda que a previsión é que reabra en breve); o CPR Sagrado Corazón (Pontevedra), cun positivo e unha aula fechada; o CEIP Barcelos, con dous positivos e dúas aulas fechadas; o CEIP de Marcón (Pontevedra), cun caso; o IES Frei Martín Sarmiento, cun positivo; o CEIP A Xunqueira Nº 1, tamén cun caso; e o CEIP de Cabanas, con outro caso.

No resto da área, hai dous colexios afectados en Sanxenxo: o CEIP Magaláns-Dorrón, cun positivo e unha aula pechada; e o CEIP Cruceiro, cun positivo. Tamén hai casos no DPI Domingo Fontán, de Portas, que rexistra un positivo; e o CPR San Francisco, cun positivo e unha aula fechada, que prevé reabrir xa a partir da segunda feira, 20 de setembro.

Vigo: tres colexios e unha gardaría

No caso da área sanitaria viguesa, en total son unha gardaría (E.I. Lacaba, cun positivo e unha aula fechada, situada na propia cidade olívica), e oito centros de ensino non universitario os afectados, tres destes asentados na cidade de Vigo.

Os colexios afectados son o CPR Plurilingüe Alba, cun positivo; o CPR María Auxiliadora, con dous positivos; e o CEIP Plurilingüe Lope de Vega, cun positivo.

Ademais, en Mos hai un caso e unha aula fechada no CPR Lar; dous casos e dúas aulas fechadas no CEIP Outeiro das Penas de Redondela; un caso no CPR Estudio de Nigrán; un caso no CEIP de Sobrada, de Tomiño; e un caso no CEEPR Aceesca do Porriño.