O cartel de ‘véndese’ pendura xa en máis de 30 aldeas e de 125 pazos e casas señoriais

Pazos e fortalezas medievais catalogadas como BIC tamén están á venda, nun proceso que colleu pulo coa crise.

 

En 2012 eran 20 as aldeas galegas sobre as que se penduraba o cartel de ‘Véndese’. Unha cifra que agora, tres anos despois, supera a trintena e camiña cara as corenta. E tendo en conta só as que constan no portal web inmobiliario por excelencia e especializado en lugares abandonados, ‘Aldeas abandonadas’. Desde 46.000 euros até medio millón de euros, para todos os petos e os gostos. A maior parte delas están nas provincias da Coruña (14) e Lugo (11), mentres que en Ourense son 6 as aldeas que se venden e en Pontevedra, 3. Hai ofertas na Mariña, Ribeira Sacra, Costa da Morte... o despoboamento e desertización do rural dá lugar ao abandono e tamén ao interese inmobiliario, coñecedor das ‘gangas’ que hai en Galiza.

Pódese mercar unha aldeíña de catro casas e 10.000 metros cadrados de terreo no Val do Eo, e nunha área “protexida pola Unesco” destacan na web, por 125.000 euros. Incluíndo mesmo un terrero boscoso de castiñeiros e piñeiros. E un lugar con catro casas do século XVIII na Ribeira Sacra está á venda por 70.000 euros. Inclúe un terreo de 5.000 metros cadrados.

Dados oficiais de 2012 cifraban en 1.408 as aldeas abandonadas que hai en Galiza. E había 2.050 á beira de desaparecer pois tiñan, daquela, só 1 ou 2 habitantes.

Patrimonio

Mais o fenómeno de venda non se limita só a aldeas. Hai 125 pazos e casas señorais en Galiza que buscan comprador. A finais de 2013 esa cifra roldaba as 90. E aquí hai mesmo Bens de Interese Cultural (BIC), como a Torre-Fortaleza de Sarria, unha torre medieval do século XV que agocha unha gran historia, revolta Irmandiña incluída. Hai catro anos pedían por ela máis dun millón de euros. Agora pódese adquirir por 750.000.

A venda de BIC non é ilegal. A Xunta pode igualar a oferta do comprador, se entende que ese debe de ser o seu proceder para protexer o ben. Entre os defensores do patrimonio lembran que a titularidade pública non sempre é sinónimo de interese e garantía de conservación. Hai abondos exemplos polo país.

E quen merca? Desde logo non galeg@s. Na súa maioría son mesmo cidadáns de centro e norte de Europa (franceses, suízos e ingleses), mais tamén empresarios españois (madrileños principalmente) cun poder adquisitivo alto.