Carta de Gloria Lago a Pablo Casado sobre a situación lingüística na Galiza: “O español está prohibido por decreto”

Gloria Lago

A presidenta de Hablemos Español relata ao lider do PP as “discriminacións que soportan os hispanohablantes” na “única comunidade bilingüe na que vostedes gobernan”.

Gloria Lago, presidenta de Hablemos Español (HE), remitiu unha carta aberta a Pablo Casado, presidente do Partido Popular, na que, ademais de confirmar que recibiu a proposta do PP para unha lei orgánica que blinde o español, faille ao líder opopular unha serie de suxestións e indicacións. Lago elabora na misiva unha relación das, escribe, “discriminacións que soportan os hispanofalantes na Galiza”, lembrándolle que é o PP quen goberna nese territorio.


Son 13 os puntos que a seguir expón Gloria Lago na carta. Di que o español está “relegado” no ensino ás materias de “menor importancia” e que na administración educativa “está prohibido por decreto”. A líder de 'Hablemos Español' prosegue coa lista de agravios: que se nas actividades lúdicas da Xunta para crianzas só se usa o galego, que se as campañas institucionais da administración galega son só en galego, ou que nos hospitais públicos de Galiza toda a rotulación está na lingua propia de Galiza.


Completa o panorama apocalíptico a presidenta de HE falando de empresas obrigadas a usar o galego, concellos que discriminan o español día si e día tamén, ou a inexistencia de actos culturais que “non pasen polo aro lingüístico” da imposición do galego.


Non son estes puntos unha novidade, fan parte da 'teima' galegófoga deste colectivo e antes de Galicia Bilingüe. Pídenlle a Pablo Casado un “xesto” que lles demostre que o PP vai manterse firme na defensa do español fronte galego, vasco e catalán. E chega a dicir, na carta, que “sería alentador que conseguise vostede que o presidente da Xunta reconsiderase, no mínimo, algún punto de este decálogo”.