Caderno de verán

As carrilanas de Esteiro

(Foto: ADC Esteirana de Carrilanas)
As carrilanas son vehículos sen propulsión, de tres ou catro rodas, que se lazan por pendentes para que poidan coller velocidade. A Galiza é un dos países onde esta tradición popular está máis viva. A carreira de Esteiro, que ten lugar cada ano a mediados de xullo, é a máis coñecida

Falar de carrilanas é falar tamén de Esteiro. Son dous nomes que, de maneira inevitábel, sempre van da man. Recoñecido como un dos eventos máis importantes do verán, o Gran Prix Carrilanas de Esteiro enche a vila, cada xullo, de xente e de emoción por ver descender as carrilanas pola costa do Maio abaixo. A edición deste ano, que se realiza esta mesma fin de semana, entre o 16 e o 18 de xullo, representa unha das máis especiais da súa historia, dado que é sen dúbida a máis esperada pola cancelación da de 2020 debido ás restricións pola pandemia da Covid-19. Esta edición é o XXXIII aniversario das Carrilanas de Esteiro, 33 anos de cultura, tradición e música para desfrutar en familia dun evento dirixido tanto á rapazada como ás persoas maiores.

Santa Mariña de Esteiro é unha parroquia de Muros, con cuxa cabeza de concello existe unha histórica rivalidade que fixo que mesmo algúns dos seus habitantes chegasen a reclamar a independencia, aínda que dunha forma puramente cómica; e se non que llo pregunten aos do grupo musical Terbutalina, esteiráns de orixe e de corazón. Se por algo é coñecida a vila de Esteiro, non é pola praia nin pola desembocadura do Río Maior, nin polos bares nin por ningún destes elementos existentes en moitas vilas galegas, senón polas festas das Carrilanas; para algunhas persoas, o evento máis importante da Galiza; para todos, o evento máis importante do concello (xunto co festival Castelo Rock de Muros, non vaiamos crear máis rivalidade entre ambas as vilas!). 

A competición consiste na baixada pola costa do Maio, duns dous quilómetros e medio, nunha pequena estrada sinuosa que descende entre bosques e vivendas, localizada na propia parroquia de Esteiro, en carrilanas, entendendo como tal, pequenos vehículos construídos case na súa totalidade de madeira, inspirados nos coches dos xogos das crianzas. Como estas construcións non están provistas de motor, baixan pola costa a diferentes velocidades segundo a súa estrutura e a súa aerodinámica, así como das características dos seus ocupantes, que tanto pode ser unha única persoa como unha familia enteira. Por suposto que o obxectivo da carreira é conseguir gañala, como en calquera competición, mais o primordial nesta é pasalo ben e desfrutar dun día especial entre a familia e as amizades. A carreira é considerada por moitos a competición máis emocionante do ano. Sexa máis ou menos emocionante, o que é seguro é que é a máis divertida. 

Primeiros pasos

O Gran Prix Carrilanas de Esteiro realízase a terceira fin de semana do mes de xullo, ao celebrarse o día 18 do mes a festividade de Santa Mariña, patroa da zona. A súa orixe é ben curiosa, pois a idea naceu entre copas e tapas no ano 1988 nun dos bares do lugar, a antiga discoteca Esteiro, na que se reunían amigos e veciños despois de traballar, daquela maioritariamente homes. Un grupo de esteiráns decidiu que debían facer algo especial polas inminentes festas da patroa Santa Mariña, que naquel ano  coincidira a segunda feira, polo que parecía necesario organizar algo para a fin de semana previa á festividade. Como conta a propia organización do evento, “sen cartos e con enxeño” o grupo de veciños pretendía atraer xente á vila de Esteiro competindo coa importancia das festas do Carme celebradas en toda a Galiza. Tras moitas dúbidas, chegaron á conclusión de que a carreira de carrilanas era a mellor opción: un xogo popular transmitido de maneira interxeracional, coñecido por toda a poboación e no que non habería que gastar moitos cartos. Así naceu o Gran Prix de Carrilanas de Esteiro. Foi un par de días despois no bar do Alameda, onde Fidel, o camareiro, deseñou sobre o táboa de billar o que sería o primeiro cartel da primeira carreira de Carrilanas da vila.

Se ben semellaba moi complicado que a festa acabada de acordar puidese conseguir estar á altura das verbenas, as orquestras ou os fogos de artificio típicos das maiores festividades, aquel grupo de esteiráns buscaba que a carreira supuxera a realización dun evento único e inimitábel no que poder conxugar a tradición popular, a diversión, a festa, a música e moito público. 

As festas, hoxe en día coñecidas en toda a Galiza e máis alá, están organizadas pola ADC Esteirana de Carrilanas, unha asociación sen ánimo de lucro que busca conservar o patrimonio cultural que xira arredor das carrilanas como xogo popular que de xeración en xeración chegou até o día de hoxe, así como promover a cultura galega mediante, por exemplo, a presentación de grupos de música galegos no Festival Carrilanas decorrido na mesma fin de semana da carreira.

Nestas festas, a asociación recolle na súa páxina principal a importancia dos carpinteiros de Esteiro á hora de crear as carrilanas para a carreira. Ao longo da historia do Gran Prix, a orixinalidade destes peculiares vehículos foi medrando, do mesmo modo que tamén medrou o número de visitantes. En xeral, todas as carrilanas intentan imitar os coches de carreiras, máis ou menos antigos, pero as decoracións destas varían dependendo da imaxinación do seu creador ou creadora. Cómpre engadir que, para poder participar nas carreiras das Carrilanas de Esteiro, é preciso seguir os requisitos recollidos na normativa de construción dos vehículos. Estes só poden estar construídos a base de madeira, tamén as rodas, que non poden contar con rodamentos nin estar recubertas de goma. As únicas pezas que non teñen que ser de madeira son aquelas que garanten o xiro das rodas. En cada edición lévase a cabo unha supervisión das carrilanas participantes antes de comezar a carreira.

Tanto éxito conseguiu acadar esta carreira tan especial, que conseguiu a distinción de Festa de Interese da Galiza e recentemente acaba de conseguir o recoñecemento estatal. A declaración do Gran Prix de Carrilanas de Esteiro como Festa de Interese a nivel estatal foi confirmada no mes de febreiro deste 2021 polo secretario de Turismo do Estado, quen reivindicou o valor cultural e interese turístico destas festas. Tamén se valorou  a creatividade dos e das participantes á hora de construír as carrilanas para cada edición.