O BNG volve esixir a súa retirada

Carrero Blanco nas rúas de Caión (aínda)

Placa da rúa Carrero Blanco en Caión.

O Concello da Laracha, gobernado polo Partido Popular, négase a cumprir a lei. Dez anos despois da aprobación da norma sobre memoria histórica, mantén o nome da rúa Carrero Blanco en Caión. O grupo municipal do BNG volve esixir a súa inmediata mudanza.
 

Nunha moción asinada este sábado e que rexistrarán nos vindeiros días, os nacionalistas lembran que iniciaron a súa pelexa contra a rúa Carrero Blanco en 1995. Segundo explican, o propio Goberno local comprometeuse hai tres anos ao cambio e mesmo pediu achegas para as alternativas aos partidos da oposición. Mais, polo momento, nada.

 

A moción do Bloque tamén pide que a corporación teña en conta as propostas da veciñanza á hora de substituír o nome da rúa. E lembra a textualidade da Lei de Memoria Histórica aprobada polo Executivo de José Luís Rodríguez Zapatero: “As administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura”.

 

Que exista unha rúa Carrero Blanco “é unha vergoña que a estas alturas teñen que seguir aturando as veciñas e veciños de Caión”, conclúen a moción do BNG, asinada polo seu portavoz Xoán Sande.