Da súa man unha corrente integrista faise forte en Lugo

Carrasco Rouco, sobriño e bispo

Veciñanza de Friol, manifestándose contra o Bispo de Lugo.

Chegou a Lugo en 2007. Rouco Varela, na cúspide do seu poder, dirixía con man de ferro unha igrexa española convertida en forza de choque da reacción.

Eran os días nos que os bispos, fin de semana si e fin de semana tamén, tomaban a rúa para protestar contra os dereitos dos homosexuais, o aborto, a educación pola cidadanía ou o estatuto catalán. Neste contexto, Rouco Varela procede a nomear unha serie de bispos da súa máxima confianza, caracterizados todos eles polas súa posicións preconcialiares e de significación reaccionaria como Ignacio Munilla en Donosti, Demetrio Fernández en Cordoba ou Afonso Carrasco Rouco en Lugo. O nomeamento do seu sobriño e afillado para a diócese de Lugo respondía tamén ao acordo ao que tiñan chegado Rouco Varela e o Camiño Neocatecumenal de Kiko Argüelles para poñer a andar na cidade das murallas un seminario deste grupo. O Camiño Neocatecumenal, coñecido popularmente como os “Kikos” é un grupo ultraconservador e fundamentalista, no que algúns chegan mesmamente a ver unha seita, con 300.000 membros no Estado Español e cuxa actividade está prohibida en moitas dióceses do Estado e de Europa.

 

Carrasco Rouco non defraudou os seus patrocinadores. Fiel herdeiro do tío, a xestión ao fronte da Diócese de Lugo e as posicións mantidas na Conferencia Episcopal deixan poucas dúbidas sobre a súa orientación integrista. Á volta de 2009 fai parte do grupo da Comisión Especial para a Doutrina da Fe que tentaba condenar a obra teolóxica de André Torres Queiruga baixo a acusación de herexía, formulando mesmo que fora excluído da Igrexa, decisión que non se chega a facer efectiva pola reacción dos grupos cristiáns de base e pola mediación do propio Vaticano. O intento de apartar Guillermo Méndez e Miguel Fernández Villarino do barrio do Sagrado Corazón de Lugo para substituílos por un párroco pertencente aos kikos, provocará en 2011 un importante conflito veciñal con protestas, manifestacións e mesmo a negativa dos veciños de acudir á Igrexa. Ao tempo, a diócese converteuse nestes anos nun regueiro de litixios entre o Bispado e os veciños de diversas parroquias, diante da voracidade da equipa de Carrasco Rouco por apropiarse de bens de titularidade comunal.

 

O bispo de Lugo favorece a apertura dun seminario dos Kikos, grupo relixioso integrista enfrontado ao Papa Francisco

 

Os conflitos acumúlanselle a Carrasco Rouco nos últimos tempos. O malestar dos cregos co Bispo non deixan de medrar como consecuencia da súa liña pastoral, da falla de compromiso cos proxectos sociais e da súa política discrecional de nomeamentos, traslados e promocións co obxectivo de colocar á fronte das principais parroquias e dos cargos máis importantes a curas da súa confianza e do seu perfil ideolóxico. Outro tanto acontece con moitas comunidades veciñais, destacando pola súa dimensión mediática o conflito que o enfronta cos veciños de Friol e Guitiriz que levan organizado nos últimos catro meses quince manifestacións en protesta polo traslado do seu párroco Xosé Ramón Pérez García, chegando mesmo en solicitar unha xuntanza ao Papa para achegarlles o seu problema e as queixas sobre Carrasco Rouco. Ao tempo, non son mellores as súas relacións coas dióceses veciñas, de xeito particular con Mondoñedo-Ferrol en cuxo seminario foi formado e onde comezou o seu labor eclesiástico, estando en estudo por parte do novo bispo, Luís Anxo de las Heras, rachar o convenio para partillar seminario maior dada a orientación integrista do de Lugo.

 

Aumenta a oposición contra Carrasco Rouco que podía ser cesado en breve como Bispo de Lugo

 

Ninguén agardaba unha estancia tan longa de Carrasco Rouco en Lugo. A sé lucense entendíase como unha estación de paso para unha persoa que estaba chamada a ocupar importantes responsabilidades na igrexa española dados os seus apoios, perfil e posición doutrinal, pero a súa boa estrela rematou coa caída en desgraza do seu mentor e tío Rouco Varela. Agora ben a decisión de Carrasco Rouco de recuperar un vello compromiso do seu tío, autorizando a apertura dun centro de formación de sacerdotes vinculado ao Camiño Neocatecumenal, isto é aos kikos, así como o apoio a este grupo  pode acelerar a súa marcha da diocese, dado o enfrontamento que se libra entre estes e os representantes do Vaticano no  Estado Español. O mandato de Carrasco Rouco xa veu favorecendo a colonización da diócese por parte deste colectivo integrista, até o punto de que xa contan con presenza destacada nas parroquias de San Froilán, A Milagrosa e A Nova. Agora ben, a posta en marcha do seminario dos kikos, que leva funcionando na cidade desde setembro de 2016 con cinco membros, considérase excesivo nos círculos da xerarquía española próxima ao Papa Francisco, algúns de cuxos membros partillan formalmente as críticas que desde as comunidades de cristiáns de base se viñan facendo contra deles.

 

A foto interior é de Carrasco Rouco.