O Carrabouxo, 'ensombrecido' pola Covid

A estatua do Carrabouxo (Xoana Catalina Baltar Romanos)

Oculto entre os parasois da terraza dunha cafetaría. Así se encontraba a estatua en Ourense do popular personaxe creado por Xosé Lois González Vázquez.

"A miseria mental do dono da cafetería que ocupou o espazo do Carrabouxo só é equiparábel á de alguén tan politicamente desprezábel, culturalmente vacuo e persoalmente acomplexado como o alcalde de Ourense [Gonzalo Pérez Jácome]. O primeiro por cometer esta aberración, o segundo por autorizala e consentila".

Así denunciaba Moncho Boán, nunha entrada no Facebook, a esperpéntica situación en que se encontra en Ourense a estatua do Carrabouxo, o popular personaxe creado por Xosé Lois González Vázquez.

Tal e como se pode apreciar na fotografía que acompaña esta noticia, obra de Xoana Catalina Baltar Romanos, a 'conquista' do espazo público por parte das terrazas dos bares non entende nin de estatuas nin de símbolos e deixou a estatua do Carrabouxo tapada polos parasois que estes días serven para que os clientes se fornezan da chuvia.

"É lamentábel", sinalou o propio pai do Carrabouxo. "O grupo municipal do BNG fixo unha pregunta e contestáronlle que sancionarían os responsábeis", engadiu, e dixo descoñecer máis detalles.

"Vou ter que recorrer ao xulgado como afectado e reclamar danos morais", apuntou, xa que considera que "infrinxen as ordenanzas, a lei de protección de monumentos e a lei de propiedade intelectual".

Anoxo e piropos

Nas redes sociais, manifestouse con numerosas mensaxes o anoxo pola situación. Por exemplo, Carlos Silvestre López considerou que "é un insulto ao autor, á obra e aos ourensáns", e Zoila Chao afirmou que é "unha tristeza ver a estatua así".

Mais tamén houbo piropos para o protagonista: "Ao Carrabouxo todo lle queda ben... que lles dean!!!", apuntou Xulia Fernández Caderno.