Carnota declárase concello “libre de eucaliptos”

Após os incendios, os eucaliptos estendéronse polo Monte Pindo.

O pleno aprobou por unanimidade a moción e súmase así a outros municipios que deron este paso, como Corcubión, Folgoso do Courel, O Grove ou Pantón.

Carnota declárase concello “libre de eucaliptos” e faino coa unanimidade do pleno municipal: 6 edís do BNG, 3 do PP e 2 do PSdeG. A corporación aprobou a moción presentada a raíz dunha iniciativa da asociación Boca de Sapo. Carnota é así, despois de Corcubión, o segundo municipio da comarca en dar este paso. Súmase, ademais, a outros concellos galegos que xa se teñen declarado como “libres de eucalipto”, caso dos de Folgoso do Courel, Pantón ou O Grove.

 

O Concello, propietario da meirande parte da superficie do Monte Pindo, formulará iniciativas e propostas dirixidas a loitar contra o eucalipto, que se estendeu de forma considerábel pola zona após os últimos incendios.
 

Entidades ambientalistas e ecoloxistas denuncian desde hai tempo a 'eucaliptización' de Galiza. “Na Galiza o eucalipto atinxe 500.000 hectáreas e aumentando”, denunciaban desde Adega, Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza. Ocupa case o 17% de todo o territorio galego. Por iso, os ambientalistas apostan en prohibir o eucaliptus nitenspor invasor e fixar moratoria para o globulus.