Carmen Nores, da Voz da Sanidade de Cangas: "Hai que cubrir 100% das vacantes no centro de saúde"
—Que demandas motivaron as protestas e cales manteñen hoxe?
En novembro de 2023 convocamos as primeiras concentracións para reclamar uns orzamentos axeitados que permitisen corrixir os déficits sanitarios, porque sen diñeiro suficiente mal se pode investir en saúde. Co tempo, os orzamentos que se aproban non satisfán as carencias da Atención Primaria e decidimos seguir adiante. Foi aí cando fixemos un traballo colectivo para identificar as necesidades reais da sanidade de Cangas. Desde entón estamos a pelexar por máis espazos e recursos.
—Falan de demandas históricas.
Algunhas teñen moitos anos, como é a dun Centro Integral de Saúde (CIS), unha nova infraestrutura sanitaria que despois de moito tempo aínda está en fase administrativa e que vai para longo, polo que urxe mellorar o plan asistencial nos centros sanitarios actuais. É importante que se cubra 100% das ausencias de persoal no centro de saúde, por baixa, vacacións ou libranzas, e mesmo que se incremente o persoal asignado. Agora mesmo conta con 19 médicos e médicas de familia, sumando os dous que consultan en Aldán, mais cumprirían outros dous, polo menos. Tamén pedimos unha ambulancia de soporte vital avanzado as 24 horas, recuperar o servizo de pediatría que se ofrecía polas tardes e rehabilitación, mañá e tarde, cunha praza máis de fisioterapia que axude a reducir as esperas de até seis meses.
—Entre as súas reclamacións tamén está recuperar un espazo público agora cedido a Povisa.
É unha das nosas prioridades: recuperar para a sanidade pública un espazo que agora ocupa Povisa con varias consultas á semana e que é de saúde mental, un servizo que atende a poboación de Cangas e Moaña, máis de 45.000 habitantes, con só dous psiquiatras, un psicólogo e unha administrativa. Non pode ser que lle cedamos a unha empresa privada que ten un contrato millonario coa Xunta un espazo público para que faga negocio, cando moita poboación de Cangas non está asignada a ese hospital e cando cómpre ese espazo para aumentar os recursos destinados á saúde mental, con esperas de entre seis e oito meses.
—A parroquia do Hío mantén o seu propio calendario de protestas. Que reclama?
Mobilízanse cada 15 días para pedir a construción dun centro de saúde para a poboación do Hío e Aldán nos terreos que o Concello puxo a disposición da Consellaría de Sanidade hai máis dunha década e piden que, mentres non se faga, se reabra o consultorio que o Sergas fechou pola pandemia e trasladou a Aldán. É unha necesidade e a veciñanza do Hío non vai renunciar a un servizo que levaba na parroquia máis de 100 anos.
—Seguirán coas mobilizacións?
Faremos un paro de dúas semanas e volveremos a mediados de setembro coas concentracións e cunha nova reivindicaciónque estamos a piques de trasladarlle á Administración: que é unha liña de transporte directo aos hospitais para O Morrazo.