Carlos Estévez Fraga: "Demostrar a eficacia clínica da vacina tamén depende da evolución da pandemia"

Carlos Estévez Fraga
Laboratorios de todo o mundo compiten por unha vacina eficaz e segura contra o novo coronavirus, capaz de previr a infección mais de garantir unha produción suficiente e accesíbel. Nós Diario conversa con Carlos Estévez Fraga, neurólogo no  University College London e subinvestigador no ensaio clínico da vacina de Oxford.

—En que fase de desenvolvemento se atopa a vacina de Oxford?

O ensaio clínico en fase 1-2, con máis de 1.000 pacientes, rematou. Aí constatouse que a vacina ten un bo perfil de seguridade e que, ademais, xera resposta inmunitaria, o que indica que pode funcionar. Actualmente está en estudo fase 2-3, onde se mira non só que a vacina sexa segura senón que sexa eficaz nunha mostra moito máis grande de pacientes: no Reino Unido participan uns 10.000 doentes de entre 18 e 55 anos, mais tamén se levan a cabo ensaios no Brasil, Suráfrica e os Estados Unidos, co fin de maximizar as posibilidades de que saia adiante. Neste momento tamén se están recrutando pacientes maiores de 55 anos cos que se comezará a traballar de inmediato, que son os que teñen máis risco de complicacións asociadas á Covid-19.

—Que tecnoloxía emprega a Universidade de Oxford para dar cunha vacina eficaz, fiábel e segura?

A vacina utiliza un adenovirus que causa arrefriados nos chimpancés. A ese adenovirus quítaselle unha parte do seu código xenético para impedir que se replique, de forma que non poida dividirse nin reproducirse nin infectar. O seguinte paso consiste en introducir nese adenovirus a proteína S -spike- do coronavirus, a que fai que teña aparencia de coroa e a que emprega, tamén, para meterse dentro da célula e causar infección en humanos. Cando lle administras esa fórmula a un paciente san, o que esperas e o que xa se viu que consegue, é que o seu propio corpo xere unha resposta inmunitaria contra esa proteína do virus, polo que de chegar a entrar en contacto co novo coronavirus xa tería producido uns anticorpos que o destruirían.

—Sábese canto tempo pode durar esa protección?

Non se sabe, pero hai bastantes datos que corroboran que tes máis anticorpos canto máis grave foi a túa enfermidade, que van desaparecendo a media que pasa o tempo e que son especialmente baixos en xente maior. A inmunidade da vacina é a grande incógnita. Só o tempo dirá canto vai durar a protección que sexa capaz de xerar. Ao cabo dun ano, cando remate o estudo que iniciamos este verán, teremos máis datos, pero até entón esa pregunta seguirá sen resposta e seguirá sendo das máis importantes.

—Dar cunha vacina efectiva exixe uns prazos que o coronavirus obrigou a reducir. Que riscos de seguridade pode supoñer este aceleramento nos procesos de investigación?

É certo que non se fixeron estudos toxicolóxicos en animais, dos que se obteñen moitos datos, mais lográronse procesos moi eficientes que apuntan que estamos ante un fármaco seguro. É moi raro ver un estudo en fase 1-2 con máis de 50 pacientes. Con 1.000 participantes as garantías son maiores, e partimos dunha experiencia de excelencia previa con outras vacinas similares. É certo que existe un risco potencial asociado ao desenvolvemento dunha resposta inmunitaria esaxerada fronte a un virus, da que se informa sempre e moi ben aos voluntarios que participan no ensaio.

—Cando se podería dispoñer da vacina se demostra a súa eficacia?

Habería que esperar un ano desde que entra o último paciente  en fase de estudo, e o último, de entre 18 e 55 anos, incorporouse este verán. Pero que a vacina demostre a súa eficacia clínica depende moito da cantidade de casos que haxa na poboación. O que se busca é previr casos novos de Covid-19, polo que se precisan moitos casos activos para poder demostrar o seu beneficio. Conseguir este obxectivo en Reino unido vai ser difícil salvo que se produza unha segunda onda. Sería máis doado acadalo en Suráfrica ou Brasil. Polo tanto, demostrar o beneficio clínico da vacina vai depender da evolución natural da propia pandemia 

—Como será a produción e a administración da vacina?

A vacina xa se está producindo. Na Unión Europea chegouse a un acordo coa compañía AstraZeneca para que estea lista de antemán en caso de que os resultados sexan positivos, para vendela a prezo de custo, un pacto, tamén, sen precedentes. Esta anticipación pode supoñer un diñeiro tirado ao lixo mais merece a pena ter esa provisión aí para administrarlla á poboación en canto se teñan os resultados do estudo. E entón habería que discutir a quen se lle administra primeiro.

—Que logrou demostrar a ciencia en seis meses de loita contra o coronavirus?

A miña lectura é moi positiva, non só polos logros propios da ciencia senón pola percepción que agora ten a xente da importancia que ten. A resposta foi espectacular e o que evidencia é a necesidade de maior investimento e mellor coordinación.

Á cabeza en ensaios clínicos e ilusión

Da vacina de Oxford sempre se di que é unha das máis avanzadas e das que máis esperanza alberga. "Non deixa de ser unha percepción subxectiva", apunta Carlos Estévez Fraga, mais hai motivos que alentan esa ilusión. "Dunha banda é a que antes iniciou ensaios clínicos a gran escala, e doutra desenvólvese no Instituto Jenner da Universidade de Oxford, un centro que ademais do prestixio e da carga científica que posúe ten moita experiencia na creación de vacinas xa que se dedica en exclusiva á facer este tipo de fármacos". A maiores, explica o neurólogo da University College London, conta co aval de ter empregado a mesma tecnoloxía que desenvolve agora contra o novo coronavirus para outras moitas vacinas como a do Zika, a do Chikungunya ou a do MERS. "Os datos acumulados indican que hai unha alta probabilidade de que a vacina teña éxito".