CARLOS CALLóN ESTREA VíDEO-COLUMNA ESTA SEGUNDA FEIRA EN SERMOS

"Non vou ser un youtuber propiamente dito"

Carlos Callón estrea nova sección en Sermos. Será unha vídeo-columna sobre actualidade, lingua, sobre a historia do país, sobre historia da homosexualidade na Galiza... que publicará na mañá das segundas feiras no noso diario dixital. Conversamos con el para saber que ten en mente para esta iniciativa.

En que vai consistir a túa sección?

Vai ser unha vídeo-columna de opinión, ou unha vídeo-opinión, que se vai subir cada segunda feira pola mañá. Nun momento no que até o papa Francisco crea unha canle en Youtube... levaba tempo dándolle voltas á posibilidade de transmitir opinións e ideas dunha maneira diferente. Vou facer un esforzo de síntese, de resumo, para non pasarme do minuto ou minuto e pouco. Vai ir na liña doutras colaboracións que teño feito no pasado, como a páxina semanal que escribía nos últimos anos de Galicia Hoxe até que Feijóo acabou con ese xornal, ou no meu propio blog. Desta vez, esforzareime por comunicar da forma máis concisa posíbel para chegar a máis xente.

A través desta sección revelarei un documento histórico exquisito sobre a homosexualidade na Galiza que vai deixar a xente coa boca aberta

Que temáticas vas tocar?

Por unha banda, falarei do máis habitual en min, que é a lingua, a súa situación. E tamén tocarei a historia, aquelas pequenas anécdotas que penso que é interesante que se coñezan sobre o noso pasado para saber de onde vimos e cara a onde vamos. Ademais, falarei sobre a historia da homosexualidade na Galiza. De feito, vou anticipar que a través desta sección revelarei un documento histórico exquisito que vai deixar a xente coa boca aberta –cóntocho para que me sigan (ri)-. Tamén farei comentarios de actualidade e de política.

Pódesnos adiantar algo da túa primeira colaboración?

O primeiro que vou tratar vai ser a asemblea nacional do BNG. Quero gravar o vídeo no final da asemblea, no propio espazo onde vai ter lugar. En ocasións, gravarei os vídeos desde a miña casa, mais noutras ocasións fareino en lugares relacionados coa opinión que exprese. Recorrerei a espazos históricos que é importante divulgar ou a lugares onde se desenvolveron os acontecementos dos que fale. Tirareille todo o proveito posíbel ao vídeo, con medios humildes. Os medios tecnolóxicos que temos ao noso dispor son suficientes para poder facer máis con eles e para poder sacarlles todo o rendemento.

Non hai suficientes contidos no noso idioma neste tipo de plataforma e, ás veces, hai xente que para tentar ter máis audiencia abandona a nosa lingua

Por que queres facelo?

Era algo ao que lle viña dando voltas tempo atrás. Contra final de ano tiven que adiar a idea pola campaña electoral. Quero axudar, na medida do posíbel e con toda a humildade, a afortalar un espazo galego de comunicación e de opinión porque é moi necesario facelo. Vémolo día a día. Moitas veces falamos de que a lingua non ten a presenza que debería nos medios, pero a propia realidade galega, sexa na lingua que sexa, non ten a presenza que debería. Eu, no que poida, quero colocar o meu gran de area para termos opinións desde nós. E así o farei aínda que sexa con humildade. Penso que podo contribuír e por iso me animei. Non vou xubilar Gabilondo (ri). Hai que sinalar que hai outras persoas que se decidiron a facer estes pequenos vídeos de opinión en galego e desde o país. Unha das iniciativas máis interesantes é a que promoven Iago Lestegás e Adrián Dios. Aviso: eu non vou ser un youtuber propiamente dito, para nada. Mais é certo que temos o problema de que non hai suficientes contidos no noso idioma neste tipo de plataforma e, ás veces, hai xente que para tentar ter máis audiencia abandona a nosa lingua.