Carlos Barros é zapateiro artesán

Carlos Barros: "Seguirei a fabricar zocos e tamancas para manter na memoria o recordo do meu pai"

Carlos Barros Fontán, traballando na praia fluvial do Val (Mondariz). (Foto: Telmo Guisado)
Nun obxecto tan pequeno como un zoco poden coller milleiros de historias. Tantas como ‘Tango’, tal e como se lle coñece a Carlos Barros Fontán en Mondariz, viviu nos seus 75 anos de vida. Deles, leva dedicados máis de 60 ao traballo de zapateiro artesán, oficio que aprendeu do seu pai. Agora, xa xubilado, dedícase a acudir ás distintas feiras de artesanía da Galiza co obxectivo de difundir a súa arte e o seu calzado. Non perde a ilusión do primeiro día, e ten claro que seguirá mentres poida facelo.

-Cando aprendeu vostede o oficio de zapateiro?

O meu pai montou unha zapatería en Mondariz no ano 1940. Eu nacín no ano 1947, e desde sempre estiven con el no obradoiro. Aos 13 anos xa o sabía case todo sobre o oficio de zapateiro. E aínda que despois traballei como funcionario durante 42 anos, nunca abandonei a tradición do meu pai. E seguirei con ela até morrer. Quero seguir traballando nisto, porque cada vez que suxeito unha tamanca entre as miñas mans vénme á memoria o meu pai. Recordo ver o cariño co que traballaba, e eu quero ser como el. Foi unha persoa moi especial para min, inculcoume boas ideas e valores. Sempre me dicía: “Carliños, quen ten un oficio, ten media carreira!”, e que razón tiña!

-Cambiou moito a elaboración artesanal dos zocos?

Os zocos (tamancas na zona), antigamente, levaban ferraduras e brochas para evitar que se gastasen e que se deteriorasen ao mollarse. As brochas foron as primeiras en empregarse, pero despois pasouse ás ferraduras, porque eran mellores e máis duradeiras. Agora, as brochas e as ferraduras practicamente desapareceron, e agora van furadas con goma. En canto a madeira coa que se fabrican as tamancas, eu prefiro empregar a do bidueiro, mais hai outras posibilidades. Hoxe en día hai tamancas de todos os estilos. Como todos os oficios, ten as súas partes difíciles e as súas partes sinxelas. O importante é o cariño e a dedicación que un lle poña ao seu traballo.

-Despois de 60 anos de experiencia no oficio, garda especial recordo dalgún par de zocos que vostede fabricara ou que pasaran polas súas mans?

Eu dedícome a recoller zocos e tamancas que teñen máis de 100 anos de antigüidade. Teño unhas que me deixou Pancho do Ferrol, que teñen máis de 115 anos. Precisamente, este par está feito coas brochas que lle mencionaba antes. Quero recuperar estas tamancas antigas para que non se perdan. Agora mesmo podo ter sete ou oito pares destes zocos antigos na casa, tal e como estaban. É certo que o pau apodreceu e está deteriorada polo paso do tempo despois de 80, 90 ou 100 anos. O que fago para conseguilas é facer un troco cos seus propietarios. Doulles uns zocos novos, e a cambio eles entréganme os pares antigos que teñen na casa. De feito, esta fin de semana levarei á Feira de Oficios Artesáns de Mondariz dous ou tres pares destes zocos antigos para que a xente os vexa.

-Vostede foi un dos promotores da Feira de Oficios Artesáns. Por que é importante que haxa eventos así?

Cando se comezou a facer a Feira, eu era concelleiro de Cultura e Deportes en Mondariz. Entón, reunímonos coa asociación Castromao, que tamén é promotora, igual ca min e que moita outra xente, do encontro artesanal, e acordamos preparar e levar a cabo esa primeira edición para recuperar os oficios artesáns. Decidimos que tiña que decorrer xunto á Festa da Muiñeira. Nese sentido, a xente do Castromao teñen que levar a maior parte do mérito polo éxito dos dous encontros. A asociación, que se encarga de difundir e protexer a cultura galega, é a responsábel de que a feira decorrese ininterrumpidamente durante 32 anos, salvo no ano 2020 por mor da pandemia.

-Até cando lle gustaría seguir fabricando zocos?  

Até os 100 anos! (ri). Agora en serio, mentres a vida me dea anos e saúde para seguir co traballo, teño claro que continuarei a fabricar zocos e tamancas. A miña familia xa o sabe. Seguirei a fabricar zocos para manter na memoria o recordo do meu pai. Porque este oficio éncheme de vida e ilusión. A mesma que tiña hai 60 anos cando acompañaba ao meu pai no obradoiro e ollaba como el traballaba.