Carlos Babío, premio ‘Mártires da Liberdade’

Carlos Babío no pazo de Meirás

O xurado recoñece a súa achega e compromiso na devolución do Pazo de Meirás.

O historiador e investigador Carlos Babío Urkidi recibirá este sábado o premio que outorga a Asociación Cultural e Teatral "Abril de Lume e Ferro".

O compromiso e loita de Carlos Babío para recuperar o Pazo de Meirás suma un outro recoñecemento. Desta volta, da Asociación Cultural e Teatral "Abril de Lume e Ferro", que este sábado lle entrega o premio Mártires da liberdade ao investigador, escritor e activista cultural.

O acto de entrega desta oitava edición do premio, terá lugar na Casa da Cultura de Carral, ás 20:00, e conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Carral, e co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial.

Este premio nace no ano 2013, co obxectivo de dar recoñecemento a unha persoa, grupo de persoas, entidades ou organismos, que destaquen, e fagan ou fixesen agromar sentimentos, accións, ou tarefas de liberdade, xustiza e compromiso por Galiza. 

Ao longo dos seus anos de existencia foron premiados Manuel María (2013), Mario Gallego Rei (2014) Mini e Mero (2015), Fundación e Irmandade Manuel María (2016), Aurora Marco (2017), Xabier P. Docampo (2018), e Camilo de Dios e Consuelo Rodríguez (Chelo) (2019).

Tódos os premiados pasan a formar parte do xurado, que concedeu este galardón a Babío en 2020 máis por mor da pandemia tivo que adiarse até este ano, 2021.

O xurado recoñece así esta persoa como investigador, escritor e activista cultural, máis nomeadamente “polo traballo feito para a devolución do Pazo de Meirás. Unha tarefa de investigación, de  compromiso coa defensa da xustiza, liberdade e democracia, enfrontándose á familia Franco, e  tendo xuízos pendentes a día de hoxe cos familiares do ditador”