A carga vírica atópase no seu máximo da pandemia e duplica os datos de xaneiro

Varias persoas camiñan polas rúas de Cambados, máis baleiras do habitual nas Festas do Albariño, restrinxidas pola Covid-19 (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
A pesar dos avances na campaña de vacinación, a Covid-19 segue a espallarse por todo o país cunha forza nunca antes vista. Esta "avalancha" de casos, en palabras da experta Margarita Poza, fai preciso actuar con "moita prudencia" e "tomar máis medidas" para frear a transmisión.

A incidencia da Covid-19 segue a incrementarse na Galiza de forma significativa. Segundo o último informe publicado pola Consellaría de Sanidade, con datos recadados até as 18 horas da quinta feira, os casos activos medran por trixésimo sétima xornada consecutiva até os 18.885 (109 máis que no día anterior). Aliás, nas residencias de maiores hai 21 persoas usuarias infectadas, e outras 24 nos centros de atención á diversidade.

No que concirne aos novos contaxios, volven superar o milleiro os detectados a través das Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA), cun dato de 1.223 (+110), ao tempo que a taxa de positividade continúa por riba de 10%, duplicando o limiar de 5% recomendado para dar por controlada a transmisión do virus.

De feito, o estudo máis recente de CovidBens, o grupo de traballo que investiga a presenza do SARS-Cov-2 nas augas residuais da área metropolitana da Coruña, e chega a detectalo até 18 días antes de figurar nos rexistros oficiais de Sanidade, evidencia que a carga vírica vén de alcanzar o seu maior dato desde o inicio da pandemia, máis do dobre que o pasado xaneiro.

"A carga vírica [número de copias de ARN do virus] é moi elevada pola predominancia na área da variante Delta, que copa máis de 70% dos positivos. Compórtase dun modo diferente ás anteriores que padecemos, e provoca que as persoas empecen a contaxiar antes", advirte, en conversa con Nós Diario, a coordinadora do programa, a microbióloga do Instituto de Investigación Biomédica da Universidade da Coruña Margarita Poza.

O virus, alerta, está actualmente "desbocado", en especial pola alta transmisibilidade entre a poboación máis nova, que aínda non está vacinada, e mesmo entre as persoas que só recibiron a primeira dose do fármaco. "Hai tantos contaxios que non son capaces de detectar todos os positivos, e non poden facer unha PCR a todos os seus contactos estreitos porque hai unha auténtica avalancha", di, e insta, tanto a Administración como a cidadanía en xeral, a "actuar con moita prudencia" porque "isto non só non rematou, senón que pode empeorar moito".

A vacina, a vital diferenza coas vagas anteriores

A Galiza está a piques de alcanzar a meta inicial de vacinar coa pauta completa 70% da súa poboación. En concreto, 1.733.858 de persoas están xa inmunizadas contra a Covid-19, e até 1.923.454 recibiron, cando menos, unha dose (78,4%).

Esta, di Poza, é a "principal diferenza" coas anteriores vagas que axexaron o país, con altas taxas de hospitalización. Hoxe hai 266 pacientes internados en planta (+24) e outros 36 nas unidades de críticos (+1), mentres a cifra total de falecidos desde o inicio da pandemia fica en 2.457 (+2).

Con todo, Margarita Poza destaca que a situación podería agravarse: "Estase a paralizar o ritmo de vacinación e cómpre tomar outras medidas, non podemos deixar tanta xente transmitindo alegremente o virus porque, se non, chegará un momento no que repunte a sintomatoloxía grave en persoas non vacinadas ou cunha soa dose e un incremento das hospitalizacións, mesmo na UCI, algo que xa está a acontecer".

Cómpre salientar que a incidencia acumulada a 7 e 14 días supera a media estatal nos grupos de idade de 12 a 19 anos e de 20 a 29, ambos os indicadores superando con creces os 2.000 casos por cada 100.000 habitantes.

Concellos que soben de nivel de alerta sanitaria

Noutra orde, na madrugada deste sábado entran en vigor as novas restricións aprobadas na terza feira polo Comité Clínico, que provocaron que as sete cidades galegas se sitúen no nivel alto e até doce concellos no máximo. En total, seis de cada dez galegos e galegas estarán, cando menos durante a próxima semana, nos chanzos máis elevados, que implican maiores limitacións no sector hostaleiro.