A carga letal que leva o odio á diferenza

Colectivos como Avante LGBT+ reivindican a visibilidade como ferramenta para lograr a igualdade de dereitos.
Asociacións vinculadas aos dereitos LGBT+ denuncian o suicidio dunha rapaza de 17 vítima  en Rois, tras anos sufrindo acoso.

Un manifesto asinado por unha decena de entidades vinculadas aos dereitos das persoas LGBT+  na Galiza sacaba á luz, nas últimas horas, o falecemento de Nerea Arceo, a moza de 17 anos e veciña de Rois que a semana pasada se quitaba a vida como consecuencia, segundo denuncian as organizacións, do acoso sufrido durante anos, xa desde a súa etapa escolar, por mor da súa bisexualidade.

Só uns días antes, o 23 de setembro, conmemórase o Día da Visibilidade Bisexual. No seu caso, coñecido na vila desde tempo atrás, esa visibilidade chega tarde para esta adolescente, vítima do que as entidades asinantes –Nós Mesmas, LES Coruña, ALAS Coruña, Arelas, GOTAS, Sete Outeiros, Avante LGBT+, Amizando, a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ e o Colectivo Agrocuir da Ulloa– cualifican como un "asasinato social"

"Quitouse a vida porque non puido soportar tanto odio. O odio á persoa diferente, á que non ama como eles", lamenta o texto, que reparte responsabilidade entre quen "demostrou ese odio", pero tamén na "complicidade" de quen "por medo ou por indiferenza, non se posicionou nin implicou o suficiente". 

"Ninguén, ou case ninguén, levanta a voz para defender a quen transita camiños minorizados, a quen vai a contra corrente buscando sinxelamente ser como é, pelexando cada día polo seu dereito para ser tan feliz como calquera", censura o manifesto.

Construción da identidade

"O acoso contra persoas LGBT+ ten unha incidencia moi potente na súa identidade, na súa autoestima, na maneira de vivir e de expresarse, toca máis fondo, como todo o que ten a ver coa túa construción como persoa. Calquera acoso provoca sufrimento, pero cando é por cuestións de identidade, engádese un nivel aínda maior", reflexiona Penélope Alonso, psicóloga e sexóloga que colabora con colectivos LGBT.

Segundo alerta, "parece que a sociedade avanzou moito, pero foi máis ben de cara á galería; por dentro, os nosos valores, as nosas ideas sobre determinadas situacións son as que eran. Hai moito que traballar como sociedade, porque son cuestións do día a día".

 Desde a rede educativa de apoio LGBT+, a docente Ana Ojea tamén alerta do que supón a LGBTfobia no ámbito do ensino nos contornos rurais. "Lamentabelmente, segue a ser un contexto máis violento", indica.

A gravidade do acoso escolar ás persoas LGBT+ foi, segundo expón, un dos motivos para montar a organización, que hoxe forman 70 docentes e ten máis de 200 persoas interesadas. 

"Pero tendo en conta que falamos duns 1.500 centros e das cousas terríbeis que se ven, a porcentaxe é baixa", apunta, tendo en conta que, como di, o acoso e a discriminación neste colectivo "afectan á autopercepción da vítima e poden causar trastornos psicolóxicos" nunha violencia "moi vinculada coa machista" e que ataca "as expresións de xénero non hexemónicas, ás veces desde idade temperás e chega á violencia física moi grave".

"Nos centros de ensino é case unha ditadura para quen sae do marco. A expresión de xénero é unha das que xera maior intransixencia", observa.

Alonso apunta, ademais, o uso masivo das redes sociais está a ter unha incidencia que pode agravar a vivencia das situacións de acoso. "Poñen no ollo do furacán  unha persoa con moítisima rapidez e actúan de altofalante: publicitan, amplifican, permiten ver a resposta", subliña. 

Protección legal, emocional e traballo de visibilidade

Diante de casos de acoso que impliquen menores de idade, Alonso recomenda pedir axuda á familia ou persoas de confianza, para, a través delas, chegar a entidades e profesionais que poidan prestar "protección emocional" e unha visión desde fóra, e tamén cre importante abrir a vía legal. "A cuestión está tamén no que vimos facendo xa na infancia para que unha persoa teña a capacidade de buscar axuda na familia: que educación sexual facemos, que valores a respecto da diversidade..." razoa. 

Para Ojea, o traballo nos centros de ensino é esencial: desde a visibilización das distintas expresións de xénero e sexualidades e a súa normalización a través de todas as materias até a necesaria formación do profesorado en diversidade sexual e de xénero e á "tolerancia cero" con estas violencias. Tamén chama a todas as persoas "aliadas", docentes e alumnado, a reivindicarse como tales.