O cardeal Sebastián, nomeado polo Papa Francisco, di que "moitos casos de homosexualidade se poden normalizar cun tratamento adecuado"

O cardeal Fernando Sebastián

Ten 84 anos, é arcebispo emérito de Pamplona e acaba de ser nomeado cardeal polo Papa Francisco. "Eu teño hipertensión, voume enfadar porque mo digan?", di en alusión á súa caracterización da homosexualidade como unha enfermidade. Na súa opinión o único fin da sexualidade é a procreación.

Fernando Sebastián concedeu unha entrevista ao diario Sur en que, entre outras cousas, di que "con todos os respeitos, a homosexualidade é unha maneira deficiente de manifestar a sexualidade, porque esta ten unha estrutura e un fin, que é o da procreación. Unha homosexualidade que non pode alcanzar ese fin está fallando. Iso non é unha aldraxe para ninguén. No noso corpo temos moitas deficiencias".

O cardeal ve a homosexualidade como unha enfermidade: "Eu teño hipertensión. Voume enfadar porque mo digan? É unha deficiencia que teño que corrixir como poida. Sinalar a un homosexual unha deficiencia non é unha ofensa, é unha axuda porque moitos casos de homosexualidade se poden recuperar e normalizar cun tratamento adecuado. Non é ofensa, é estima. Cando unha persoa ten un defeito, o bon amigo é quen llo di".

Tamén falou sobre o aborto. Di que o inquieta que a sociedade española "asimilase a normalidade do aborto". Na súa opinión, éste é un debate "mal formulado" porque do que se trata non é da interrupción do embarazo, mais si da interrupción "da vida dun ser humano incipiente".

Foto tirada de diariosur.es