UNHA ESCOLMA DO PAPEL

Cárceres na Galiza: zona de “non-dereito”

Foto: Ghato

Falar de cárceres e dereitos fundamentais pode parecer, prima facie, unha contradición interna dado que o estatuto xurídico da persoa presa foi configurado como o dun cidadán de segunda categoría (Rivera Beiras). Para contextualizar o sombrío mundo penitenciario abonda citar unha noticia recente: o ministerio do Interior restrinxiu por falta de orzamento un tratamento que duplica as opcións de curación para os pres@s que sofren hepatite C, unha doenza que afecta case 25% do poboación reclusa. En escritos remitidos aos responsábeis médicos das prisións, a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias asume que non hai diñeiro para tratar todos os reos que poderían beneficiar dos novos fármacos e establece unha “cota”, e a correspondente lista de espera, de doentes que poderían ser tratados en función da dispoñibilidade orzamentaria. Neste contexto, falar de dereitos fundamentais é un cruel sarcasmo.

Asumamos no entanto o perigo aínda que só sexa para desvelar, con feitos documentados, a inmensa estafa ética que a xerarquía penitenciaria perpetra cando afirma que nas cadeas son respectados os dereitos dos reclusos.

O que é posíbel documentar

Un primeiro feito documentado é a práctica sistemática da dispersión penitenciaria. Das 3.066 persoas presas de orixe ou residencia habitual na Galiza que hai actualmente no Estado español, 538 están internas en cárceres de fóra do país, 84 delas en situación de prisión preventiva e 454 penadas. O goberno español non xustifica as razóns en que basearon os responsábeis de Institucións Penitenciarias a decisión de dispersar persoas nacidas ou arraigadas en Galiza por diferentes cadeas do Reino de España e resolve a cuestión argumentando que “o destino dos internos a un determinado centro penitenciario está condicionado por diversos criterios que veñen previstos na normativa penitenciaria e que están ligados á resolución da clasificación penitenciaria”. Afirmación que en absoluto esclarece unha das cuestións centrais que motivaron a pregunta parlamentar da cal deriva esta información: por que son afastadas estas persoas do seu contorno familiar e que medidas pensa tomar o goberno para corrixir esa situación. É importante salientar que esta política non se xustifica por falta de dispoñibilidade de prazas na Galiza, xa que o total de persoas penadas ou preventivas de orixe ou residencia galega que están actualmente en prisión non ultrapasa a capacidade teórica dos cárceres situados no país (3.105 prazas) e é claramente inferior á ocupación real (un mínimo de 4.861 persoas). Se non hai razóns estruturais, a única xustificación desta política penitenciaria non é outra que un castigo engadido á privación de liberdade.

Das 3.066 persoas presas de orixe ou residencia habitual na Galiza que hai actualmente no Estado español, 538 están internas en cárceres de fóra do país

Un segundo feito igualmente documentado é o que revela a dureza do réxime de vida nos macrocárceres situados no país, Teixeiro e A Lama. Os dous sitúanse entre os máis duros do estado, segundo confirman presos que pasaron por outros de recoñecida dureza como Puerto 1, e en ambos os dous son frecuentes as denuncias por malos tratos (eufemismo por tortura en prisión).

Entre as denuncias máis recentes temos constancia de dúas en trámite nos xulgados de Betanzos por episodios acontecidos en Teixeiro no mes maio de 2012. Nun deles o grao de brutalidade foi tan extremo que a vítima tivo que ser sometida a unha operación de urxencia para lle extraer o bazo. No outro, o preso denunciou ser vítima dunha segunda agresión no mes de xuño.

Canto ao cárcere da Lama, as últimas denuncias por tortura das cales se ten constancia son tres presentadas perante os xulgados de instrución de Pontevedra en xaneiro de 2013. Constan tamén outras dúas presentadas na Defensoría del Pueblo, neste caso por defectuosa asistencia sanitaria en relación á medicación psiquiátrica.

A vítima tivo que ser sometida a unha operación de urxencia para lle extraer o bazo

A resposta xurisdicional a esta situación non é máis alentadora. Cando non existe acusación particular ou popular, a práctica máis frecuente é o arquivo sen solicitar nin o recoñecemento médico forense. Alén dun xuízo por faltas que foi sentenciado sen celebrar por prescrición, desde 2008 temos documentados catro arquivos. O máis recente baseado exclusivamente en informes médicos que contradín non só a versión da vítima, senón tamén os testemuños de persoas que presenciaron os feitos, cuxas declaracións, aínda que coherentes, parecen carecer de convicción indiciaria, o que supón un nefando (e ilegal) prexuízo nos instructores.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A sensación de impunidade que trasladan estas resolucións xudiciais facilitan a reiteración destes graves feitos, e converten as prisións, nomeadamente nos módulos de illamento, en lugares onde a eliminación da tortura semella un obxectivo afastado e difícil, tendo que concluír que non responde a feitos illados senón a unha práctica coñecida pola institución penitenciaria e non sancionada pola xurisdición.

Outro deshonroso galardón que conquistou o penal da Lama nos seus quince anos de existencia é o de figurar entre os tres centros penitenciarios do Reino de España que concentran maior número de suicidios, xunto con Zuera e o Psiquiatrico de Alacant. Entre mediados de 2011 e mediados de 2012 morreron neste penal un mínimo (documentado) de oito persoas.

... e o que permanece oculto

Con todo, a pesar da súa gravidade, os feitos documentados son apenas parte do que acontece no interior das cadeas. A opacidade que rodea o mundo penitenciario impide aos grupos de apoio a persoas presas ou asociacións de dereitos fundamentais saberen cal é a situación real, e non é infrecuente que os propios funcionarios do centro procuren activamente impedir o esclarecemento dos feitos. Un exemplo: nos xulgados de Betanzos está agora mesmo en trámite unha denuncia formulada contra varios funcionarios de Teixeiro por dificultaren a asistencia letrada a un preso na entrega á súa avogada da docu- mentación precisa para a presentación dun recurso contra sanción.

Doutra banda, a propaganda oficialista que presenta os cárceres como hoteis de luxo esconde unha realidade ben diferente. Existen documentadas serias queixas en relación coa alimentación (fría, escasa e pouco saudábel), a falta de asistencia odontóloxica e psiquiátrica adecuada, a ausencia de actividades para presos de primeiro grao (A Lama) e as graves deficiencias nas infraestruturas.

A opacidade que rodea o mundo penitenciario impide aos grupos de apoio a persoas presas ou asociacións de dereitos fundamentais saberen cal é a situación real

E a resposta da dirección política da institución penitenciaria ás reclamacións das persoas que non renuncian a defender os seus dereitos nesta zona escura que son as cadeas atinxe un grao de dureza extremo.

Desde hai mais dun ano, un importante colectivo de persoas presas mantén unha protesta pacífica e continuada dentro das prisións contra a tortura por medio de xexúns ou folgas de patio. A pesar do carácter non violento da súa actuación, varias destas persoas foron xa sancionadas por teren nas súas celas material documental da campaña, o que amosa até que punto o dereito á liberdade de expresión é vulnerado no interior das prisións. Paralelamente as familias dos pres@s, desde diferentes sensibilidades e visións, se organizan e crean grupos para denunciaren a inhumanidade do sistema penitenciario. Esa é unha moi digna loita se quixermos vivir nunha sociedade decente.

 

Fernando Blanco é avogado e presidente de Esculca

 

Este artigo fixo parte dos conteúdos do AFONDO número 9, o caderno de análise do Sermos, que se publicou co título xenérico "Restrición de liberdades na Galiza: o visíbel e o oculto". Saíu do prelo co número 39 do semanario, a 15 de marzo de 2014.