Os cárceres galegos afrontan a nova fase do estado de alarma en espera dos tests

O estado de alarma suprimiu os permisos de saída, as visitas e os talleres produtivos nos cárceres. (Europa Press)
As perto de 3.200 persoas que compoñen a poboación reclusa dos cinco centro penitenciarios galegos encaran o proceso de rebaixa das restricións que impón o estado de alarma pola crise sanitaria do coronavirus sen que se teñan realizado aínda probas diagnósticas xeneralizadas da enfermidade, máis alá das puntuais ás que se someteron membros do persoal traballador e internos con síntomas sospeitosos. 

A necesidade de tests nas prisións é unha reclamación que comparten as principais plataformas sindicais, xuntas de persoal e comités de empresa destas, que nestes case dous meses de confinamento  teñen enviado peticións tanto á Consellaría de Sanidade como ás correspondentes Subdelegacións do Goberno, sen éxito.  

"Desde a Xunta respondéusenos que os protocolos do Ministerio non recollen a realización xeneralizada de tests nestes centros, malia ser un ámbito fechado con personas especialmente vulnerábeis, e desde Madrid sinalan, de forma verbal, que se deu indicacación aos Gobernos territoriais para que fixesen, tanto en residencias  de maiores como nos cárceres. Como non hai nada por escrito, uns pasan o balón aos outros", critica desde a CIG o coordinador da área de prisións, Antonio Otero

Institucións Penais e a Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado (Muface) anunciaron o pasado mes de abril a "inminente" posta en marcha dun "procedemento específico" para a realización de probas de detección da COVID-19 a persoal penal. Porén, xa no anuncio advertíase de que a iniciativa está "condicionada" aos protocolos do Ministerio de Sanidade e dos territorios. A nivel galego, a súa execución aínda non comezou a plasmarse.  

Até a data, os cinco cárceres están libres da epidemia e unicamente sete profesionais resultaron contaxiados ao inicio do brote, mais todos eles están xa dados de alta, se ben seguen sen exercer, como medida de precaución. Con todo, desde a CIG temen que a situación das residencias da terceira idade poida repetirse aquí, en caso de aparecer algún caso. "Non entedemos que se obvie o que podería ocasionar o contaxio", advertía o escrito enviado a finais de abril polo sindicato ao conselleiro de Sanidade, onde se poñía de relevo o "risco" de ter casos asintomáticos entre o persoal.

A negativa a xeneralizar as probas nestes recintos na Galiza resulta especialmente rechamante se se ten en conta que en centros penitenciarios doutros territorios como Asturias ou Estremadura si se están a efectuar.  "Non son maioría", recoñece Otero, quen precisa que unha ducia de centros de reclusión están efectuando probas, e quen censura que os criterios "non son homoxéneos, mesmo en comunidades con gobernos do mesmo signo", e tampouco responden a número de casos. Segundo cita, en Andalucía –onde o PP , como na Galiza, está no Goberno, alí con Ciudadanos– foi a Consellería quen cedeu os tests para facelos.

Cautelas na volta ás condicións ordinarias

O estado de alarma supuxo para a poboación reclusa unha redución drástica dos contactos co exterior, pola suspensión de permisos e visitas e a paralización dos talleres produtivos. O inicio do proceso de desconfinamento nos cárceres, acóutase á recuperación desas actividades, que segundo os sindicatos deberán reiniciarse de forma "paulatina" para non caer no risco de contaxios pero devolver ás persoas internas os seus xa reducidos dereitos.

"Desde a secretaría xeral (de Institucións Penitenciarias) din que están estudando as medidas, que entendemos que irán chegando conforme se levanten as limitacións de movemento, para que poidan chegar as visitas, e que comezarán polas comunicacións en locutorio (cun cristal mediante)", apuntan desde a CIG.