Carballo opta ao premio Folla verde Europea

Paseo do río Anllóns (Turismo Carballo)

É unha das 18 localidades do continente que aspira a este recoñecemento, que distingue as mellores prácticas ambientais dos concellos que teñen entre 20.000 e 100.000 habitantes.

Carballo é unha das 18 candidatas ao premio Folla Verde Europea (European Green Leaf 2021), promovido pola Comisión Europea para distinguir as cidades de 20.000 a 100.000 habitantes que demostren as mellores prácticas ambientais, un maior compromiso co crecemento verde e unha maior promoción da concienciación cidadá en temas medioambientais

A candidatura de Carballo é a única galega e unha das dúas do estado español. Foi seleccionada entre as presentadas por 36 cidades de 23 estados europeos. Carballo figuran tamén Avignon (Francia), Bistriţa (Romanía), Çiftlikköy (Turquía), Coswig (Alemaña), Elsinore (Dinamarca), Gabrovo (Bulgaria), Kemi (Finlandia), Lappeenranta (Finlandia), Nyborg (Dinamarca), Oliveira do Hospital (Portugal), Riba-Roja de Túria (España), Ringkøbing-Skjern (Dinamarca), Sombor (Serbia), Tauragė (Lituania), Valmiera (Letonia), Viana do Castelo (Portugal) e  Vichy (Francia).

As actuacións de fomento da mobilidade urbana sostible, a eficiencia enerxética no alumeado público e nas instalacións municipais, o respecto polas zonas verdes, actividades como o Horto Infantil Ecolóxico, as iniciativas de compostaxe, as ordenanzas de tráfico ou de contaminación acústica, as actuacións relacionadas co ciclo integral da auga ou a contratación de centros especiais de emprego para tarefas coma a limpeza viaria ou o mantemento de xardíns figuran no  haber do Concello de Carballo, indican desde o Goberno local.

No mes de abril do 2020 faranse públicas as cidades finalistas, en maio realizaranse as presentacións con xurado e en xuño, nunha cerimonia que se celebrará en Lisboa, darase a coñecer a cidade gañadora.