O carballo de Conxo imponse na final e loitará por ser Árbore Europea de 2022

Carballo do Banquete de Conxo, candidato a árbore europea. (Foto: arboleuropeo.es) #banquetedeconxo #árbore
O carballo coñecido como 'O Avó', situado no bosque do Banquete de Conxo, en Compostela, supera ao resto de árboles candidatas do Estado español e loitará por ser a Árbore Europea 2022.

'O Avó', o carballo situado no bosque do Banquete de Conxo, en Compostela, vén de gañar o recoñecemento de Árbore Española 2022, polo que agora competirá por converterse na Árbore Europea de 2022.

O exemplar, que conta con máis de 250 anos de historia, 30 metros de altura e case 4 metros de perímetro de tronco, impúxose cun total de 22.974 votos, por encima da sabina de Blancas, situada na comarca de Jiloca (Teruel), que recibiu 21.523 apoios.

Esta árbore atópase no tramo final do Camiño Portugués e representa un exemplar singular que foi testemuña de momentos emblemáticos e transcendentais da vida cultural e histórica de Compostela e da Galiza.

O espazo forma parte da obra e textos que Rosalía de Castro dedicou a esta contorna, que acolleu o 2 de marzo de 1856 a celebración do chamado Banquete de Conxo, unha comida onde estudantes universitarios de alta clase social serviron a obreiros e artesáns como símbolo de fraternidade e nun momento de importantes desigualdades sociais entre clases na capital galega.

O bosque de Conxo chegou a albergar a máis dun milleiro de árbores deste tipo, dos que na actualidade sobreviven menos de medio centenar, debido especialmente aos danos provocados polos incendios forestais que derivaron nun proceso de substitución por outras especies foráneas, sobre todo eucaliptos.

Récord de participación

Nesta 7ª edición do concurso Árbore do Ano en España participaron 11 exemplares. O concurso quere destacar a importancia das árbores no patrimonio natural e cultural e a importancia da relación cos seres humanos.

A votación realizouse exclusivamente por Internet, a través da web arboleuropeo.es, e este ano bateuse o récord de participación, xa que entre todos os candidatos obtivéronse un total de 60.683 votos, preto de 30.000 votos máis que a edición anterior.

Ao longo do ano 2022 levarán a cabo diferentes accións e actividades coa árbore gañadora, unha das cales será a presentación e apoio como candidato á Árbore Europea 2022, cuxa celebración terá lugar en febreiro de 2022.