A Caravana Feminista chega a Galiza

Será o 5 de outubro e ficará até o día 12 cunha ampla programación que a levará por distintos puntos do país.

 

Partiu do Curdistán o 8 de marzo e arrivará a Galiza a comezos do vindeiro mes após percorrer diversos pobos e nacións de toda Europa. O obxectivo desta acción organizada pola Marcha Mundial das Mulleres é partillar experiencias e accións para o que desenvolverá un amplo abano de actividades que levarán a Caravana Feminista a aparcar en distintos puntos do país. 

A primeira parada será Ferrol o propio 5 de outubro onde será recibida no Cantón de Molíns cun acto "festivo, lúdico e reivindicativo", afirman desde a Marcha. 

A seguir continuará a súa andaina até San Sadurniño (6 outubro) onde terá lugar, pola mañá, un encontro con mulleres do rural na Casa do Concello. A continuación, un mercado e un xantar no que degustar produtos locais e viandas elaboradas por mulleres da zona. 

Xa de tarde, a Caravana viaxará até Narón onde decorrerá unha palestra sobre Ecofeminismo e realidade medioambiental da comarca. Será no Café-Teatro do Pazo da Cultura. 

O 7 de outubro desprazaranse até Betanzos. De mañá visitará unha explotación agraria e manteranse encontros con produtoras locais. Pola tarde, a Caravana arrivará en Compostela onde desenvolverá un percorrido a pé desde San Lázaro até a Porta do Camiño. Posteriormente, visitará a Libraría Lila de Lilith para rematar, xa de serán, na Praza da Quintana onde haberá actuacións musicais da man das cantareiras de Trazo, Mónica de Nut e Alba María; para alén dunha mesa redonda intitulada 'Corpo, Muller e Arte'. 

Ao día seguinte (8 de outubro) a Caravana visitará Vilar de Barrio da man dun proxecto sostíbel de Amigas da terra onde terá lugar a solta dun ave rapaz recuperada polo Centro de Recuperación de Fauna Silvestres do Alto do Rodicio. Pola tarde, trasladaranse á vila de Allariz onde terá lugar un encontro con grupos de mulleres rurais que levan anos traballando no rural desta vila coas que partillarán experiencias. 

O día 9 acudirán a Ourense onde a Caravana será recibida por unha alfombra natural. De tarde, acudirán á Feira de troco de sementes no Rianxo da Praza de Abastos onde se exporá unha mostra fotográfica arredor da Soberanía Alimentar. Neste acto tamén participarán grupos de consumo local, activistas e colectivos ourensáns. De noite terá lugar un concerto coas actuacións de Damnificadas, The Tetas'Van e as Transxenéricas.

A estadía da Caravana na Galiza virá acompañada de palestras, obradoiros, exposicións e música durante unha semana

Os días 10 e 11 a Caravana ficará na cidade de Vigo onde terá lugar unha concentración na Praza dos Cabalos para o acto de benvida que continuará en Castrelos. No parque decorrerán múltiples actividades ao longo da fin de semana con palestras, exposicións, proxeccións e obradoiros sobre violencia de xénero, dereitos sexuais e reprodutivos, orgullo lgbti, o movemento feminista, as mulleres do mar e experiencias recollidas ao longo do percorrido da Carvana feminista.. Após a manifestación contra o TTIP desenvolverase un serán on cantareiras, pandereteiras de diferentes grupos, tamén en Castrelos. 

Para finalizar, un concerto con Mónica de Nut, Habelas Hailas, Punkereteiras, Aureas e máis bandas dará o relevo ás mulleres portuguesas pois a Caravana dirixirase ao país veciño para rematar en Lisboa o 17 de outubro. Previamente, a Caravana parará en Tomiño na súa viaxe cara á Portugal.